Noticias

Tratamento antiescorregadizo para a estrada provincial EP-2601 entre Mos e Puxeiros

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o obxectivo da actuación, que aumentará a adherencia dun treito de un quilómetro da vía, é mellorar a seguranza viaria


09 outubro 2017
Mos

A Deputación de Pontevedra vai mellorar a capa de rodaxe dun treito dun quilómetro na estrada provincial EP-2601 entre Mos e Puxeiros, no concello de Mos. A intención, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, é aumentar a adherencia da vía mediante a execución dunha capa de tratamento antiescorregadizo, acadando unha mellora notable da seguranza viaria.

Os servizos técnicos da Deputación consideraron necesario realizar as actuacións nun treito de 1.000 metros, entre os puntos quilométricos 2+000 e 3+000, debido aos problemas que presenta o firme actual. O orzamento para facer estes traballos, que se contratan de xeito conxunto con outras actuacións en A Cañiza, O Grove, Meis e Meaño, ascende a 53.259,94 euros. A mellora, que consiste na execución do tratamento e a correspondente reposición de marcas viarias, terá que estar executada nun prazo dun mes a partir da data de reformulamento.

Este tipo de actuacións de mantemento dos firmes das estradas provinciais realizarase a partir de 2018 a través dun novo contrato marco que permitirá axilizar as adxudicacións para, unha vez detectadas deficiencias nos asfaltados, poder realizar os traballos de acondicionamento sen ter que pasar por un longo procedemento administrativo.

Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, trátase da primeira vez que a Deputación de Pontevedra pon en marcha un acordo marco que permitirá realizar actuacións puntuais nas estradas provinciais (corrixir pavimentos escorregadizos, fendas, afundimentos ou peraltes defectuosos, entre outras) "de xeito eficiente, planificado, áxil e con garantías administrativas".

En virtude dese acordo marco para executar o Plan de Rehabilitación de firmes, que agora está en fase de licitación para ser aplicado o vindeiro ano por un valor global de 4,4 millóns de euros, a provincia dividirase en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes serán as responsables da execución de todas e cada unha das obras necesarias en cada área. O lote número catro inclúe a Vigo, Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Salceda de Caselas, Mos, Redondela, Tui, Tomiño, Oia, O Rosal, A Guarda, Ponteareas e Salvaterra de Miño, cun orzamento para 2018 de 802.313,15 euros.