Noticias

Total sintonía no encontro entre a Deputación de Pontevedra e o primeiro goberno paritario da Universidade de Vigo

Carmela Silva, que recibiu ás seis vicerreitoras, enxalzou a aposta da Uvigo coa igualdade: "A Universidade é fundamental para crear modelos que visibilicen as mulleres"


27 xullo 2018
Encontro entre a Deputación Provincial en o goberno paritario da Universidade de Vigo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo esta mañá unha reunión coas seis vicerreitoras da Universidade de Vigo e co vicerreitor do Campus de Pontevedra na que se puxo de manifesto a excelente sintonía entre ambas institucións. Silva, que amosou a súa satisfacción por reunirse co primeiro goberno paritario da Universidade de Vigo, destacou o compromiso do reitor pola igualdade e a aposta pola visibilización das mulleres.

Máis polo miúdo, a presidenta provincial incidiu en que para a Deputación de Pontevedra "a igualdade é sinal da nosa identidade, polo que cando vin que a metade do equipo de goberno da Universidade estaba composto por mulleres sentín a necesidade de facer algo: quería que a xente coñecese os rostros das mulleres que teñen a capacidade de decidir na Universidade de Vigo".

Ademais, segundo asegurou Silva, a Universidade desenvolve un importante papel para visibilizar ás mulleres e dar respostas ás demandas sociais. Neste eido, a presidenta subliñou que "o 8 de marzo puxo en valor que a sociedade quere unha nova forma de facer as cousas, máis xusta e equitativa, e que hai moitas mulleres en Galicia que están tendo moito protagonismo e, sen embargo, os seus nomes son descoñecidos. Por iso precisamos unha universidade que nos visibilice e responda a esta nova demanda".

A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para trasladar ao equipo de goberno da Universidade de Vigo a súa preocupación polo descenso na matriculación das mulleres nas carreiras técnicas. "No futuro, e xa no presente, as tecnoloxías vanse a converter nun importante sector de emprego e se as mulleres non nos matriculamos nas carreiras técnicas non poderemos ocupar os lugares de decisión. Para que as nenas se orienten a esas carreiras necesitamos crear modelos nos que se miren", asegurou Silva.

Xunto a estas cuestións, a presidenta provincial tamén fixo fincapé na importancia de contar coa Universidade na toma de decisións. "A política do século XXI ten que basearse no coñecemento e na intelixencia e por iso nós, cando chegamos ao Goberno, quixemos que a Universidade de Vigo se sentara nesta administración para traballar man con man con ela", asegurou Silva. Neste contexto, a presidenta recordou as principais liñas de traballo impulsadas en colaboración coa Universidade no marco do protocolo asinado e adiantou o seu desexo de traballar, a partir deste momento, conxuntamente en aspectos relacionados cos sectores produtivos, cos proxectos europeos, coa cultura, coa creatividade e coa igualdade.

Pola súa banda, as vicerreitoras agradeceron a boa disposición da Deputación de Pontevedra e amosáronse dispostas a colaborar coa institución provincial. Máis polo miúdo, a vicerreitora de Igualdade da Universidade de Vigo destacou o papel da Deputación como "abandeirada da Igualdade en Galicia" e aproveitou a ocasión para anunciar a reactivación da cátedra de estudos feministas.