Noticias

Todo preparado para a reapertura o vindeiro martes dos castelos de Soutomaior e Sobroso e do centro Castro Deza

Carmela Silva: "Farano con todas as garantías e medidas de seguridade e con plans de continxencia específicos para cada recinto"


28 maio 2020
Carmela Silva en rolda de prensa

Os castelos de Soutomaior e Sobroso e o centro Castro Deza reabrirán as súas portas, ao igual que o fará o Museo de Pontevedra, o martes 2 de xuño. "Farano con todas as garantías e medidas de seguridade, con plans de continxencia específicos, creados para cada un destes recintos, e serán protocolos vivos, para adecuarse ás novas normas que se vaian aprobando",  asegurou Carmela Silva. O obxectivo, tal e como destacou a presidenta, "é converter a todos os nosos equipamentos culturais en espazos seguros".

En liñas xerais os plans contemplan medidas hixiénicas; recomendacións para persoas visitantes; medidas de prevención; protocolos de actuación concretos para a atención ás persoas visitantes, para reservas e vendas, para servizos turísticos, cesión de espazos, control de accesos e limpeza; e pautas de actuación para as empresas subministradoras, que deberán presentar un plan de medidas hixiénico-sanitarias.

Tanto nos castelos de Soutomaior e Sobroso como no centro Castro Deza reforzarase a limpeza, ventilación e desinfección; o persoal contará con equipos de protección; haberá controis de temperatura e habilitaranse zonas de espera específicas e medidas de distanciamento social, con marcadores de distancia de seguridade no chan. Será obrigatorio o emprego de mascarilla en todos os recintos, tanto para o persoal como para as persoas visitantes e, no caso de Soutomaior, ao tratarse dun museo interactivo, serán tamén de obrigado uso as luvas. Ademais, habilitaranse zonas de atención ao público e venda de entradas (aínda que se recomendará a compra en liña e o pago con tarxeta) e percorridos e itinerarios establecidos para garantir a seguridade das persoas que os visiten, sempre respectando as capacidades previstas segundo as fases establecidas no Plan para a transición cara a nova normalidade.

Audios

  • Audio

Novas relacionadas