Noticias

Todo preparado para a gran festa do turismo provincial que a Deputación leva este mércores ata o Auditorio Mar de Vigo

No evento se presentará a nova campaña de promoción turística 2018 que este ano chegará a Madrid, Barcelona, Lisboa, O Porto e outros puntos da xeografía nacional e internacional


27 febreiro 2018
Gala turismo

A Deputación de Pontevedra celebrará este mércores no Auditorio Mar de Vigo ás 20 horas a "gran festa do turismo provincial", tal e como definiu á Gala de Turismo a presidenta provincial Carmela Silva, que poderá seguirse en streaming a través das páxinas web www.depo.es e www.turismoriasbaixas.com. O evento, no que estará representado o sector turístico público e privado da provincia, será "innovador e moderno, desde a posta en escena ata a distribución das persoas convidadas, e non deixará a ninguén indiferente".

Durante a gala presentarase a nova campaña de promoción turística de Pontevedra Provincia que, este ano, chegará ata Madrid –o vindeiro mes de marzo–, Barcelona, Lisboa, O Porto e outros puntos da xeografía nacional e internacional. Este ano a Deputación de Pontevedra escolleu como eixo promocional o patrimonio da provincia baixo o lema "Somos historias". Deste xeito, o patrimonio fortificado, representado por torres e castelos; ata o arqueolóxico, cos xacementos como abandeirados; o paisaxístico, dando a coñecer xardíns e miradoiros; o patrimonio literario, amosando unha provincia inspiradora de escritoras e escritores; o relixioso e espiritual, representado polos mosteiros, cemiterios singulares e a catedral de Tui; o inmaterial, con mitos, lendas e tradicións como embaixadores da provincia; o patrimonio natural, a través das nosas especies senlleiras, aves e espazos naturais; e o patrimonio etnográfico e cultural, representado polos museos, entre outras cuestións, serán os protagonistas da campaña de promoción turística da Deputación de Pontevedra que se desvelarán mañá no Auditorio Mar de Vigo, amais da nova imaxe visual e gráfica.

A gala tamén acollerá a entrega dos distintivos de calidade turística SICTED ás empresas que o acadaron no ano 2017. En total, serán 151 empresas e entidades que recibirán os distintivos que acreditan a súa calidade e que se suman aos 263 establecementos que xa acadaron o SICTED na provincia de Pontevedra.

Na Gala de Turismo, ademais de desvelar novidades nas que está xa a traballar a Deputación de Pontevedra para promover o destino turístico, haberá espazo tamén para o audiovisual, para espectáculos e representacións e para a gastronomía.


Novas relacionadas

Gala de turismo

22 febreiro 2018, vigo, gran festa do turismo, deputación de pontevedra, gala do turismo