Noticias

Todo preparado para a Depo Andaina do domingo a Vilaboa e Cíes que esgotou as súas prazas en 24 horas

300 persoas da provincia participarán nesta actividade de balde que organiza a Deputación de Pontevedra e que dará comezo ás 10.00h nas Salinas de Ulló


07 setembro 2017
Depo Andainas

A esperada "Depo Andaina" de Vilaboa e Illas Cíes terá lugar este domingo 10 de setembro despois de que as 300 prazas ofertadas pola Deputación de Pontevedra esgotáranse en menos de 24 horas. De feito, a institución provincial, promotora desta ruta, recibiu máis de 1.000 solicitudes para participar nesta actividade.

A "Depo Andaina" que percorrerá Vilaboa e as Illas Cíes trátase da terceira organizada este ano pola Deputación de Pontevedra e comezará ás 10.00h coas Salinas de Ulló coma punto de partida. Desta maneira, a actividade iniciarase cunha das rutas de sendeirismo con máis historia e tradición de Galicia, recoñecida así por persoas expertas en sendeirismo e asociacións de turismo: o Sendeiro dos Muíños de Vilaboa.

Nesta ruta percorrerase cada un dos muíños que atopamos nos lugares do Toural, O Río, Cimadevila e nos arredores de Postemirón e A Graña para volver ao punto de inicio, onde os 300 participantes se trasladarán a Cangas, onde collerán o barco rumbo cara o Parque Nacional das Illas Cíes.

Xa na illa principal haberá un xantar nos merendoiros entre as praias de Rodas e Figueiras e despois  dun pequeno descanso comezará a subida ao Alto do Príncipe (Monte Agudo), unha das rutas máis simbólicas e que permite gozar das mellores panorámicas desde un Parque Nacional único en España. A ruta será guiada por persoal técnico titulado polo Parques Nacionais de Illas Cíes. Durante a actividade impartirase un obradoiro ornitolóxico sobre as aves do ecosistema das Illas Atlánticas no que se incluirán técnicas para a observación e claves para a identificación de aves, tanto en voo como en terra. Ademais, os participantes poderán recibir un obradoiro de introdución en técnicas de fotografía de aves en voo, medio mariño e terrestre. A ruta finalizarase no seu punto de inicio, as Salinas do Ulló, ao redor das 19:00h.

A Deputación de Pontevedra desenvolverá outras dúas andainas nos meses de setembro e outubro. A primeira será en Tui, co Camiño de Santiago, o próximo 24 de setembro. De feito, para esta actividade, o prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 11 de setembro.

En último lugar, o 15 de outubro celebrarase unha andaina en Soutomaior que pechará as rutas deste ano.

O programa "Depo Andainas", que vive este ano a súa segunda edición, ten por obxectivo impulsar hábitos saudables, promover o turismo deportivo e de territorio, as actividades ao aire libre e poñer en valor a riqueza medioambiental, etnográfica, cultural e patrimonial da provincia de Pontevedra.