Noticias

Todo listo para o Festival de Cine Inclusivo de Vigo que este ano estará dedicado ao persoal sanitario

O certame, integrado na marca provincial de calidade da Deputación, Rías Baixas Film Fest, terá lugar entre o 13 e 17 de outubro


08 outubro 2020
Festival de cine inclusivo

"Esta provincia e esta cidade son o motor da cultura en todos os eidos". Con estas palabras, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, participou hoxe na presentación da quinta edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, o director do evento, Gonzalo Suárez, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, e a directora de Caixabank oficina Príncipe, Sonia San Román. O certame, que organiza a Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN), terá lugar entre os días 13 e 17 deste mes de outubro na cidade olívica.

No acto realizado no Museo MARCO, Carmela Silva enxalzou que o festival, que se atopa baixo a marca provincial, Rías Baixas Film Fest, "reinvéntase cada ano, suma iniciativas e proxectos e sempre con esa idea de que todas as persoas somos iguais e temos dereito a participar activamente en todo". Ademais, a presidenta provincial tamén destacou que é un certame "marabilloso" porque "está cheo de principios básicos". Pola súa banda, o alcalde de Vigo destacou a importancia das corporacións locais no mundo da cultura e fixo fincapé na influencia do cine "nas nosas expresións, formas e comportamentos". Neste eido, Caballero sinalou que o cine inclusivo "é un avance nos dereitos humanos e na igualdade".

Doutra banda, o director do festival explicou que o certame "naceu coa vocación de facer visible o invisible" e salientou que "pese as adversidades non para de medrar, é cada vez máis ambicioso e conta con máis seccións". Ademais, Gonzalo Suárez resaltou que este ano debido á crise sanitaria da COVID-19 "había que dedicarlle o festival ao persoal sanitario". Neste senso, nesta edición dáse unha maior puntuación na selección a todos aqueles audiovisuais nos que se dá a coñecer o traballo dos e das profesionais da sanidade e dos coidados. Ademais, o cartel da V edición, deseñado pola artista viguesa Abi Castillo, tamén está dedicado ao persoal sanitario. E, pola súa banda, o certame será inaugurado co documental De chaque instant de Nicolas Philibert, sobre a vocación dos e das enfermeiros e enfermeiras.

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo, cuxas proxeccións terán lugar no auditorio municipal e nos cines salesianos, ten como finalidade dar a coñecer, apoiar e valorar os proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión e a igualdade. Nesta quinta edición, como novidade o festival abriu un concurso de webseries inclusivas, que se poden votar a través da web, e tamén unha sección competitiva de longametraxes de ficción con temática inclusiva para reflectir a diversidade da nosa sociedade. Ademais, o certame segue a apostar por dúas seccións competitivas, unha de documentais e outra de curtametraxes. Doutra banda, o festival tamén contará na súa programación con actividades paralelas ás proxeccións, como webinarios e coloquios, que pretenden crear conciencia sobre a inclusión no seu aspecto máis amplo.

Por mor da pandemia, o festival tivo que reformularse para centrarse na seguridade das persoas asistentes. Ao respecto, tamén contará coas ferramentas postas a disposición pola Deputación no marco do protocolo común que impulsou con medidas de seguridade para os festivais de cinema da provincia.