Noticias

Todo listo para a "Depo andaina" que este domingo percorrerá os muíños de Golfaríz na Estrada

150 persoas xa inscritas percorrerán 12 quilómetros na segunda ruta deste verán do programa provincial


30 xullo 2021
Depo Andaina

As "Depo andainas", o programa gratuíto da Deputación para todas aquelas persoas que gocen coñecendo o contorno natural e cultural da provincia polas súas sendas e camiños chega esta fin de semana a terras de Tabeirós-Terra de Montes.  

Logo de que a primeira ruta percorrera a Vía Verde do Salnés, este próximo domingo 150 persoas, con todos os protocolos de seguridade por mor da COVID-19, poderán gozar dalgúns dos recunchos máis fermosos do concello da Estrada nunha camiñada circular que seguirá a ruta dos muíños de Golfaríz. A andaina, de dificultade media, conta cunha distancia total de 12,5 quilómetros que se realizarán ao longo dun percorrido que comeza na igrexa de Santa María de Rubín.

Despois desta ruta polo concello da Estrada, a seguinte camiñada será o 22 de agosto que percorrerá a senda do río Tea, no concello de Mondariz. Para esta andaina, as inscricións abriranse o luns 2 de agosto. O último itinerario será o 12 de setembro pola senda azul do río Verdugo, no concello da Ponte Caldelas. Neste caso, a apertura do prazo para anotarse comezará o 23 de agosto.

"Depo andainas" abre unha nova posibilidade de coñecer a provincia para as persoas amantes dos deportes e da natureza na que se une a aposta sustentable pola actividade física como forma de vida saudable co descubrimento do noso amplo e rico patrimonio.