Noticias

Todo listo no pazo de Liñares que acollerá desde este mércores o ciclo Arqueoloxía en Pandemia

Para celebrar o Día Internacional da Arqueoloxía, a Deputación tamén organiza estes dous días xornadas de portas abertas no Centro de Xestión Arqueolóxica


27 xullo 2021
Arqueoloxía no pazo de Liñares

Con motivo do Día Internacional da Arqueoloxía, que ten lugar cada ano o 28 de xullo, a Deputación de Pontevedra e a Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA) organizan Arqueoloxía en Pandemia, unhas xornadas que se desenvolverán este mércores e xoves no pazo de Liñares (Lalín), e nas que participarán profesionais e persoas investigadoras de toda Galicia. Ademais, para todas as persoas que queiran coñecer de preto o Centro de Xestión Arqueolóxica que a Deputación ten en Liñares, levaranse a cabo durante estes dous días xornadas de portas abertas en horario de 10 a 13 horas.

Arqueoloxía en Pandemia comezará este mércores coa charla, titulada "Chove sobre mollado. Unha PEME de arqueoloxía e xestión de patrimonio en pandemia", da man de Israel Picón, de Citania Arqueoloxía. Despois Yolanda Álvarez e Luis Francisco López, de Terra Arqueos, amosarán "Dous exemplos de actuacións arqueolóxicas de posta en valor en castros das Rías Baixas: castrode Montealegre (Moaña) e castro da Cidá (Ribeira)". A continuación Benito Vilas, de Árbore Arqueoloxía e restauración, centrarase na "Arqueoloxía en Lalín en tempos de pandemia".

Juan Manuel Galiña e Eduardo Breogán Nieto, de Breogán Arqueoloxía, falarán sobre o "Castelo da Piconha (Calvos de Randín, Ourense): a recuperación dun singular espazo interfronteirizo a través da arqueoloxía" e Purificación Soto versará sobre as "Actividades de mantemento arqueolóxico no concello da Laracha (A Coruña): castro de Montes Claros e pedrafita de Marco da Anta". Esta primeira xornada rematará coa actividade "Encontros ao aire libre: visita guiada ao castro de Doade, Lalín", que correrá a cargo da directora da escavación, Vanesa Trevín, de Cadro Arqueoloxía.

Na mañá do xoves, persoal de Tempos Arqueólogos amosarán como é a "Arqueoloxía en pandemia. Traballos arqueolóxicos no sector Sur do castro e mosteiro de Cálago, Vilanova de Arousa"; e despois María del Carmen Cabezudo, de Lesering, falará sobre o "Control arqueolóxico de segunda fase de restauración da igrexa de Santa baia de Palio, Cercio, Lalín". Cristina Seoane pechará este ciclo de charlas cun relatorio sobre "Investigación en tempo de pandemia: o esqueuomorfismo como xeito de achegarse aos materiais arqueolóxicos". A xornada rematará cun obradoiro con materiais no Centro de Xestión Arqueolóxica.