Noticias

Todo listo na Deputación de Pontevedra para a homenaxe a Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento

A imaxe e o pensamento de Rosalía iluminará pola noitiña as dúas sedes da Deputación e a dos concellos de Bueu, Caldas de Reis, Oia, O Rosal, Salvaterra de Miño e Silleda


23 febreiro 2021

A Deputación de Pontevedra ten xa todo preparado para a intensa axenda de actos institucionais cos que celebrará este mércores o Día de Rosalía e render así homenaxe, no aniversario do seu nacemento, "á escritora galega máis universal". Os actos centrais da xornada terán lugar en Vigo e Pontevedra con dúas accións culturais nas sedes provinciais de ambas as dúas cidades, que contarán coa asistencia da presidenta, Carmela Silva, e dos alcaldes, Abel Caballero e Miguel Anxo Fernández Lores. O evento reunirá a persoas do mundo da cultura, da arte, da igualdade e da comunidade escolar, e contará coa música en directo de Uxía. As dúas accións culturais, en Pontevedra a partir das 12 da mañá e en Vigo ás 19 h, retransmitiranse a través da web e das redes sociais da Deputación e contarán co servizo de interpretación de lingua de signos.

Ademais de lecturas da obra de Rosalía por escolares de centros educativos, lerase tamén o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega que, neste 2021, foi elaborado pola autora Anna Figueiredo. Tamén se coñecerán os premios do Concurso de Debuxo Infantil A Nosa Rosalía, no que participaron nenas e nenos de toda a provincia.

A xornada culminarase pola noitiña con "Proxectando a forza de Rosalía!", o mapping do pensamento e imaxe de Rosalía de Castro nas fachadas das sedes da Deputación en Vigo e Pontevedra que se lanzará a partir das 19:30 horas e se manterá ata o 3 de marzo. Esta mesma proxección, que se dinamizará a través das redes sociais cos hasthags #CoaForzadeRosalía, #DíadeRosalía e #ADepoconRosalía, tamén se poderá ver a mesma hora nun prendido colectivo nas casas dos concellos de Bueu, Caldas de Reis, Oia, O Rosal, Salvaterra de Miño e na casa da cultura de Silleda