Noticias

A Deputación destina máis de 200.000 euros ao servizo de tala de arborado nas marxes das estradas provinciais para previr incendios

Carmela Silva: "Con este servizo estamos cumprindo coas medidas para evitar o gravísimo problema dos lumes, amais de atender as demandas da cidadanía para que as marxes dos viarios estean en boas condicións"


27 setembro 2020
Tala de arborado nas marxes das estradas provinciais

O Goberno da Deputación vén de aprobar a contratación para a adxudicación do servizo de tala de arborado no dominio público  das marxes das estradas provinciais, no que se investirán máis de 201.500 euros ao fío das tarefas de conservación destes viarios. Como destacou a presidenta Carmela Silva, son traballos de especial importancia "como medida preventiva que facilita a loita contra o lume", amais de evitar o efecto prexudicial que a vexetación ocasiona nas estradas e atender deste xeito "unha das grandes demandas da xente, que as marxes dos viarios estean en boas condicións".

O novo contrato para este servizo especifica que as especies a talar, como matizou a presidenta, "son todas aquelas que aparecen na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia". Carmela Silva incidiu en que "pola contra, queda claro que imos conservar aquelas árbores singulares que cumpran outro tipo de funcións". "Polo tanto –subliñou–, estamos cumprindo coas medidas para evitar os incendios, que cada ano son un problema gravísimo na nosa comunidade".

O servizo contratarase para o 2021 (está en vigor o do 2020) por zonas de actuación, correspondentes ao norte, centro e sur da provincia.  E ademais das estradas provinciais  estarán incluídos os camiños de servizo, enlaces, cruces, variantes e calquera outro terreo que integren o dominio público adscrito a estas vías. Así mesmo, abordarase  a tala puntual de arborado non situado na zona de dominio público cando a árbore ameace a seguridade viaria e o titular da parcela onde se sitúe non atenda os requirimentos da Deputación: "Habería entón un risco serio e poderiamos actuar, o contrato contempla todas as posibilidades", sinalou a presidenta.