Noticias

A Deputación abre o prazo para solicitar subvencións para a rehabilitación do patrimonio histórico cultural na provincia cunha partida de 400.000 euros

Os concellos poderán solicitar axudas para restaurar ou adquirir inmobles e para a instalación de paneis informativos


25 agosto 2020

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar no día de hoxe as ‘Bases de subvencións para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural dirixidas aos concellos da provincia de pontevedra para o ano 2020'. Segundo destaca a deputada responsable da área de Patrimonio, María Ortega, o orzamento ascende a repartir ascende aos 400.000 euros, xa que "a promoción, a información e a accesibilidade aos bens culturais das localidades son básicas en calquera política cultural e turística, e tan fundamental é dar a coñecer a nosa provincia como que as persoas que a visiten poidan acceder facilmente aos bens patrimoniais".

Poderán acceder a estas axudas todos os concellos da provincia de Pontevedra cun máximo de 50.000 habitantes. O obxecto das subvencións serán a restauración de bens inmobles de titularidade municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico; a adquisición de bens inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia de Pontevedra e a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural dos bens inmobles de interese municipal, os conxuntos urbanos, as parroquias, os xacementos e as zonas arqueolóxicas, ademais dos sitios naturais, os xardíns e os parques que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, antropolóxico, artístico ou etnográfico dentro do ámbito territorial da provincia de Pontevedra.

Repartirase un importe fixo de douscentos mil (200.000,00) euros de forma lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a estas axudas. A cantidade restante, douscentos mil (200.000,00) euros, repartirase entre os concellos. Aos 37 concellos do grupo 1, de ata 10.000 habitantes, aplicaráselles unha porcentaxe do 20 %, polo que lles corresponderán corenta mil (40.000,00) euros. Aos 15 concellos do grupo 2, de 10.001 a 20.000 habitantes, aplicaráselles unha porcentaxe do 40 %, polo que lles corresponderán oitenta mil (80.000,00) euros. Por último, aos 7 concellos do grupo 3, de entre 20.001 e 50.000 habitantes, corresponderanlles oitenta mil (80.000,00) euros, o 40 % restante.

Estas cantidades repartiranse entre os que forman o grupo en proporción ao 75 % da poboación e ao 25 % da superficie. Segundo explica a deputada María Ortega, este programa réxese polos principios de solidariedade e equilibrio intermunicipal, articulados desde o respecto á autonomía municipal por medio de criterios obxectivos e transparentes, o que permite levar a cabo investimentos e actuacións nos municipios que non resultarían asumibles para os concellos sen a cooperación económica da Deputación. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.