Noticias

A Deputación volve a apostar polo o acceso á educación musical coa concesión de subvencións a escolas de música da provincia

As achegas ascenden a 80.000 euros e delas beneficiaranse 24 entidades de 16 concellos da provincia


31 outubro 2021
subvencións a escolas de música da provincia

A Deputación de Pontevedra revalida a súa aposta pola cultura coa concesión de achegas  a 24 escolas de música da provincia que dependen de asociacións sen ánimo de lucro. As subvencións, que teñen un orzamento de 80.000 euros, están destinadas a entidades de 16 concellos da provincia e oscilan entre os 2.100 euros e 4.200 euros "dependendo do número de persoas que estean estudiando nelas", informou a presidenta Carmela Silva.

Con estas achegas a Deputación democratiza o acceso a estes centros xa que "vivas onde vivas tes que ter dereito a ter unha escola de música onde formarte" e, neste senso, fai que "a formación musical chegue a todos os recunchos, dende as grandes vilas e cidades -que teñen orzamentos que permiten subvencionalas- ata os concellos máis pequenos". Carmela Silva fixo fincapé na necesidade deste tipo de educación "que constrúe sociedades máis avanzadas porque a cultura e música permítennos as persoas formarnos dunha forma máis integral".

 As subvencións chegarán á comarca do Deza con subvencións á Asociación Amigos Banda de Música de Agolada, á Nova Banda de Música de Vilatuxe e á Banda de Música de Lalín así como á Asociación Cultural Banda de Música de Silleda. Na comarca de Arousa financiaranse as Pre-escolas de Música dos concellos de Ribadumia e Vilanova. Na comarca de Pontevedra os fondos chegarán á Asociación Cultura e Xuventude de Barro e á Asociación Cultural e Musical Escola de Música de Vilaboa así como a tres entidades do concello de Pontevedra: a Musico Cultural San Martiño Salcedo, a Asociación Cultural A Tempo Escola de Música e a Agrupación Musical de Vincios. E no Morrazo subvencionarase a Asociación Xuvenil Cultural Staccato, de Cangas.

Para a comarca de Vigo a Deputación aprobou achegas para a Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso Mos, a Asociación Cultural e Social de Chapela (Redondela) e Amigos da música (Salceda de Caselas). Ademais, tamén se financiarán cinco entidades do concello de Vigo: a Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida, a Asociación Banda Escola de Música de Beade, a Unión Musical de Coruxo, a Asociación Banda de Música Unión Musical de Valladares e o Ateneo musical de Bembrive. As achegas tamén chegarán á comarca do Condado con financiamento para a Banda de Música de Rubios (As Neves) e a Asociación Banda Xuvenil de Xinzo e a Asociación Cultural Banda de Música Unión de Guláns (ambas de Ponteareas). Do mesmo xeito, chegarán ao Baixo Miño cunha achega para a Asociación Agrupación musical do Rosal.