Noticias

Soutomaior amplía a súa oferta deportiva na Montesiña e completa o saneamento no barrio con fondos do Plan Concellos

Santos Héctor Rodríguez: "Estas actuacións locen impecables; Soutomaior destaca polo seu énfase na mellora da calidade de vida ofrecendo boas instalacións deportivas"


18 marzo 2021
Soutomaior

O Concello de Soutomaior acaba de ampliar a súa oferta de instalacións deportivas para a veciñanza cunha nova pista de tenis e outra de petanca no barrio da Montesiña e de completar a rede de saneamento nesta mesma zona, con dúas obras financiadas grazas a achegas do Plan Concellos da Deputación por máis de 136.000 euros. O deputado de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, visitou hoxe as novas dotacións xunto ao alcalde, Agustín Reguera, e a deputada provincial Ana Laura Iglesias.

O deputado de Cooperación destacou o incremento en investimentos deportivos por toda a provincia ao amparo do Plan Concellos. De feito, explicou, este tipo de actuacións ocupan xa o quinto lugar nas solicitudes que se reciben. O ano pasado, a Deputación dedicou 2,3 millóns de euros á mellora das infraestruturas deportivas dos concellos. "Soutomaior", engadiu, "destaca precisamente polo énfase na mellora da calidade de vida ofrecendo boas instalacións deportivas á súa veciñanza".

As novas pistas de tenis e petanca supuxeron un investimento de 40.000 euros. Veñen completar as xa existentes na Montesiña e, como engadiu o deputado, ademais de favorecer a práctica deportiva dos e das habitantes de Soutomaior,  dan resposta ás necesidades do equipo local "que xoga en liga nacional e para o que era preciso ter unha pista máis para manter a categoría". No que atinxe á pista de petanca, ademais de propiciar un novo lugar de encontro para persoas de distintas xeracións, "venlle moi ben ao equipo federado" co que conta Soutomaior.

Pola súa banda, o alcalde, Agustín Reguera, agradeceu á Deputación "que nos dea esta posibilidade de poder investir estes cartos que nos dá libremente en obras para uso e desfrute dos veciños e veciñas". Engadiu que o medio ambiente e o deporte son dúas das principais liñas de actuación nas que está enfocando os seus esforzos o Concello. Neste senso, indicou que a actuación  de saneamento na Montesiña "é unha obra de medio ambiente" e, no caso das pistas de tenis e petanca, están dirixidas ao fomento do deporte, "porque temos moita xente moza". "Agradecer polo tanto esta posibilidade que nos da Deputación dentro do Plan Concellos; esperamos que sexan útiles para a poboación que é para o que realmente se fan", concluíu.

A maiores, a Deputación fixo posible, con outra achega de 96.463 euros, a mellora do saneamento no camiño de Montesiña, coa instalación dun colector ao longo de case 700 metros e a conexión a un novo pozo de bombeo ao borde da estrada. As obras engancharon á rede ás vivendas existentes na zona, así como ao propio campo de fútbol.

Nos últimos anos, varias achegas do Plan Concellos permitiron a mellora de diversas instalacións deportivas en Soutomaior. No caso de Soutomaior, ademais das visitadas hoxe, outras obras sufragadas pola Deputación  foron a mellora dos aseos e vestiarios do campo de fútbol de Salgueirón ou a mellora da iluminación e substitución de cuberta no campo de fútbol do Candán. Ademais, o Plan de Reequilibrio da institución provincial permitiu a Soutomaior acometer a remodelación do campo de fútbol de Arcade, cun investimento de máis de 280.000 euros.

Desde o 2015, o Concello de Soutomaior recibiu 5,7 millóns de euros en partidas da Deputación. Neste 2021, o municipio recibirá 584.416 euros ao abeiro do Plan Concellos 2021, cun incremento do 5,3 % con respecto ao pasado ano. Desde o 2016, coa Liña 1 de Investimentos, Soutomaior puido financiar un total de 39 obras por 1,8 millóns de euros, mentres que coa Liña 3 de Emprego, puido contratar a un total de 105 persoas desempregadas para traballar no concello.