Noticias

Soutomaior acolle a exposición fotográfica "Exodus" no multiusos de Arcade

A mostra, que recolle o drama das persoas refuxiadas dos conflitos bélicos, poderase visitar ata o 10 de maio


25 abril 2017
Exodus

"Exodus: na procura de refuxio", a mostra fotográfica coa que a Deputación de Pontevedra quere trasladar á cidadanía a súa preocupación polo drama que viven as persoas refuxiadas que foxen dos conflitos bélicos, chega ao concello de Soutomaior. A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, acompañados polo alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e a concelleira de Cultura, Dolores Cernadas, inaugurarán este mércores a exposición no multiusos de Arcade. A mostra estará aberta ao público ata o 10 de maio cun horario de 15:30 a 20:30 h os luns, martes, xoves e venres, e os mércores de 9:00 a 14:00 h.

"Exodus" foi elaborada polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre os meses de setembro e outubro de 2015 e documenta as vivencias dos refuxiados e refuxiadas que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar a Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa. O nome deste traballo provén do termo latino e grego que significa "saída", posto que retrata persoas que escapan de países en conflito, arriscando a vida ata, en moitos casos, chegar a perdela no mar Mediterráneo. A mostra tamén ten un carácter crítico coa Unión Europea e o abandono dos seus principios de solidariedade.

Cómpre lembrar que Europa está a afrontar a peor crise migratoria tras a segunda guerra mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando do conflito en 2015. Un 25 % eran menores de idade e, ademais, arredor de 3.700 morreron no intento de cruzar o mar Exeo.

O seu camiño empeza en Oriente Medio. Foxen por centos de miles desde Siria, Iraq ou Afganistán. Un fluxo constante de humanidade dirixido polo medo, a inseguridade e a falta de oportunidades. A súa desesperación móveas a arriscar as súas vidas e as das súas familias por un futuro en paz. Fano desde Turquía, cruzando o mar Exeo ata as illas gregas en balsas de goma con nulas medidas de seguridade. En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras: as persoas refuxiadas cruzan Europa cunha idea vaga de alcanzar Alemaña, Suecia ou Noruega. En Gevgelija, ao sur de Macedonia, na fronteira con Grecia, eríxese un campo de refuxiados ateigado de almas perdidas. Máis de dúas mil persoas ao día deixan a súa pegada nunha inhóspita paraxe.


Novas relacionadas


12 xaneiro 2017, silleda, cohesión social, exodus, exposición exodus