Noticias

"SmartPeme" sextuplicou a asistencia aos obradoiros de formación que puxo en marcha para as empresas de Pontevedra durante o ano de comezo da pandemia

Ana Mejías: "Estas cifras confirman o acerto da creación de "SmartPeme" como ferramenta de "empoderamento tecnolóxico" ao servizo do tecido empresarial da provincia"


14 maio 2021
Oficinas SmartPeme Pontevedra

A pandemia disparou a demanda dos servizos que ofrece "SmartPeme", o programa de crecemento empresarial ao redor do uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) da Deputación de Pontevedra. A oficina de Pontevedra, unha das sete que conforman a rede provincial, destaca polo seu espectacular crecemento na asistencia aos obradoiros de formación, ata o punto de multiplicar por seis as súas cifras anuais en 2020. A deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, fixo balanzo duns números de récord.

O punto "SmartPeme" pontevedrés rexistrou a participación de 1.856 persoas (un 579 % máis) nos 70 obradoiros organizados ao longo do ano de comezo da crise sociosanitaria, o que supón unha participación media superior ás 26 persoas, a maior de toda a rede e moi por enriba da media total de 20 persoas por curso. A deputada Ana Mejías explica que a pandemia obrigou a cambiar o formato dos obradoiros, que pasaron de ser presenciais a telemáticos e de contar cunha media de 8 persoas por curso a contar cunha vintena. "A caída da barreira da presencialidade nas actividades formativas, a maior demanda derivada do parón na actividade produtiva e tamén un maior interese polas TIC no marco dun cambio na cultura organizacional das empresas, cada vez máis orientada ao teletraballo, son o cóctel que produce estes resultados", afirma a deputada, "sen esquecer a altísima calidade da formación que ofrece `SmartPeme´".

En canto á actividade de consultoría, que é o outro sinal de identidade de "SmartPeme", as asesorías individuais a persoas autónomas e pemes chegaron ás 513 (un 13 % máis que o ano anterior). A oficina pontevedresa é a terceira con maior actividade neste apartado por detrás de Vigo e con cifras moi parecidas á do Porriño. As estatísticas anuais destacan unha tendencia estable e unha carteira de empresas que tamén repunta á alza chegando ás 284, o que supón un avance de case o 5 %.

No que vai de ano 2021 o punto "SmartPeme" de Pontevedra acumula xa 408 persoas participantes nos 11 obradoiros realizados (elevando xa a media de persoas interesadas por curso ata preto de 40 persoas) e 169 asesoramentos individualizados a 89 empresas, das que seis son novas incorporacións a un servizo que non para de medrar.

Ana Mejías engade que as cifras anuais da oficina de Pontevedra, o igual que as do resto da provincia, "confirman o acerto que foi a creación de "SmartPeme" como ferramenta de "empoderamento tecnolóxico" ao servizo do tecido empresarial da provincia e moi especialmente das persoas autónomas e micropemes, que son quen máis o necesitaban". E todo iso, engadiu, revelouse como especialmente útil nun ano "dramático para a economía e para toda a sociedade". A deputada de Novas Tecnoloxías concluíu que o 2020 foi un ano de récord e no avance ten moito que ver o traballo de todo o persoal que dirixe o proxecto e do persoal técnico que asesora ás empresas ao pé do terreo.

A rede "SmartPeme" da Deputación naceu en 2016 co obxectivo de impulsar o crecemento empresarial a través das TIC. A día de hoxe conta con oficinas en Pontevedra, Vigo, Cambados, O Porriño, Ponteareas, Lalín e Barro, as dúas últimas vinculadas aos viveiros de empresas provinciais. Ademais, dispón dun Centro Provincial de Economía Dixital situado en Barro e especializado nas tecnoloxías máis novidosas e disruptivas, entre elas todo o relacionado coa ciberseguridade. O portfolio de servizos ofertados desde "SmartPeme" ten que ver non só co asesoramento e crecemento empresarial apoiado nas TIC, senón tamén co asesoramento especializado ás empresas do subsector turístico e do subsector do comercio. O pasado ano botou tamén a andar unha liña específica de asesoramento tecnolóxico para entidades do Terceiro Sector, é dicir ONG e asociacións/fundacións relacionadas co benestar social.