Noticias

SmartPeme pon en marcha esta vindeira semana outros cinco obradoiros online

Ata o 2 de outubro o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre deseño de páxinas web, fotografía de produto, debuxo con Onshape ou medidas para enfrontar o coronavirus nos establecementos turísticos


27 setembro 2020

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta desde este luns 28 de setembro e o 2 de outubro cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre deseño de páxinas web con Elementor, o uso de Twitter para potenciar a marca, a fotografía de produto e o debuxo con Onshape, así como as medidas para confrontar o coronavirus nos establecementos turísticos.

Máis polo miúdo, o luns Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, impartirá o obradoiro "Deseña a túa páxina web de maneira sinxela con Elementor". Ao día seguinte están previstas dúas accións: a experta en Publicidade e Relacións Públicas  Fátima Faílde desenvolverá "Potencia a túa marca con Twitter" e Laura Taboada, titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, impartirá o obradoiro "Fotografía de produto para a túa tenda en liña ou e-commerce".

Para o mércores 30 hai programada unha actividade sobre "Medidas para confrontar o coronavirus nos establecementos turísticos", que ofrecerá Mariana Rosa, técnica superior en Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos e graduada en Turismo. E o xoves 1 de outubro o experto universitario en robótica Manuel Freire impartirá o obradoiro "Debuxo con Onshape. Part Studio I".