Noticias

"SmartPeme" pon en marcha esta semana outros tres obradoiros en liña

O programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación oferta cursos sobre a promoción dun negocio, estratexia SEO/SEM ou como mellorar o footer da web


25 xullo 2021
Smartpeme

A Deputación de Pontevedra, a través de "SmartPeme", oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas de xeito en liña, da carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre como promocionar un negocio con Google my business, como elixir as palabras clave para elaborar unha estratexia SEO/SEM e como mellorar o footer dunha web.

En concreto, este martes 27 impartirase o obradoiro Promociona o Teu Negocio con Google My Business, no que o licenciado en Comunicación Audiovisual, Adrián Fernández, falará da ferramenta Google enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade e un maior aproveitamento dos pequenos comercios da súa potencial clientela.

O mércores 28, María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá Aprende a Elixir as Palabras Clave Para a Túa Estratexia SEO e SEM, obradoiro no que explicará a importancia do posicionamento nos motores de procura da man dunha acertada selección de palabras clave.

Para finalizar, o xoves 29, Como Mellorar o Footer da Túa Web, onde Fátima Faílde, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, explicará que é e amosará o xeito de sacar o máximo partido a esta sección.