Noticias

SmartPeme pon en marcha esta semana outros seis obradoiros online na provincia

Ata o 9 de outubro o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre optimización, copywritting na web e redes sociais, marketing, debuxo con Onshape e técnicas para mellorar o posicionamento de empresas turísticas


05 outubro 2020

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana seis novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre optimización, copywritting na web e redes sociais, marketing, debuxo con Onshape e técnicas para mellorar o posicionamento de empresas turísticas.

En concreto, este luns Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, imparte o obradoiro "Optimiza a túa páxina de Facebook". O martes, 6, será a quenda de "Copywriting aplicado a web e redes sociais", a cargo de Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e postgraduada en Comunicación e Industrias Creativas.

Na xornada do mércores están previstas dúas accións: o enxeñeiro informático José Luis Taboada desenvolverá "Inbound Marketing" e Lara Taboada, titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, impartirá o obradoiro "Identidade de marca para a túa empresa: que debes saber".

O xoves, 8 de outubro, chega "Debuxo con Onshape. Part Studio II" da man do experto universitario en robótica Manuel Freire. E, por último, o venres levarase a cabo "Como mellorar o posicionamento local da túa empresa", a cargo de Mariana Rosa, técnica superior en Axencia de viaxes e xestión de eventos e graduada en Turismo.