Noticias

SmartPeme pon en marcha esta semana outros cinco obradoiros online

Ata o 20 de novembro o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre debuxo con Onshape, WordPress, a xerarquía no deseño e as redes sociais


15 novembro 2020

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre debuxo con Onshape, WordPress, a xerarquía no deseño e as redes sociais.

En concreto, o martes haberá dúas accións: "Crea unha páxina profesional con WordPress I", a cargo de María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Comunicación Corporativa, e "Debuxo con Onshape, Assembly III", impartido polo experto universitario en robótica Manuel Freire. Ao día seguinte, 18 de novembro, Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, levará a cabo o obradoiro "Xerarquía no deseño: a orde na información".

O xoves 19 será a quenda de "Crea unha páxina profesional con WordPress II" que, ao igual que a actividade do martes, tamén será a cargo de María Aller. E, por último, o venres Mariana Rosa, técnica superior en Axencia de viaxes e xestión de eventos e graduada en Turismo, falará sobre "Redes sociais para establecementos turísticos".