Noticias

SmartPeme pon en marcha esta semana outros cinco obradoiros en liña

Ata o 11 de setembro o programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación oferta cursos sobre intelixencia artificial, márketing dixital ou Google Data Studio


06 setembro

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta a segunda semana de setembro cinco novas accións formativas impartidas de xeito en liña, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións, con 10 prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de márketing.

Máis polo miúdo, o luns 7, Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas, impartirá un obradoiro de Ferramentas Dixitais para a Restauración e Hostelería. Ao día seguinte o enxeñeiro informático, José Luis Taboada, fará o propio nun obradoiro titulado Crea un Plan de Márketing Dixital para a túa Empresa. Para o mércores 9 hai programada unha actividade sobre Ferramentas de Email Márketing: Sendinblue con Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. O xoves 10 o experto universitario en robótica, Manuel Freire, falará sobre a Intelixencia Artificial: Que é e como Funciona?. Para rematar a semana María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, levará a cabo o venres 11 un obradoiro titulado Obtén o Valor dos teus Datos con Google Data Studio.