Noticias

"SmartPeme" pon en marcha esta semana outros catro obradoiros en liña

Ata o 20 de maio o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre Pinterest, as estratexias de márketing por correo electrónico, como debuxar con Onshape ou como vender por Internet con Woocommerce


17 maio 2021

A Deputación de Pontevedra, a través de "SmartPeme", oferta esta semana catro novas accións formativas impartidas de xeito en liña, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre como utilizar Pinterest para impulsar o teu negocio turístico, como deseñar un lead magnet para aumentar as e os seguidores por correo electrónico, como debuxar con Onshape ou como manexarse con Woocommerce, una solución para vender a través de Internet.

En concreto, este martes 18 impartirase o obradoiro Como Utilizar Pinterest para Impulsar o teu Negocio Turístico, a cargo de Mariana Rosa, graduada en Turismo, quen falará da utilidade desta ferramenta onde as imaxes son as protagonistas.

O mércores 19, Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá Infoprodutos II: Deseña un Lead Magnet para Aumentar os teus Subscritores, obradoiro que formulará a importancia de crear una boa base de datos para obter o maior éxito na nosa estratexia de márketing a través do correo electrónico

Para finalizar a semana, o xoves 20, será a quenda de Debuxo con Onshape, PartStudio I a cargo Manuel Freire, experto universitario en Robótica e Impresión 3D, quen falará da facilidade de utilización deste software de debuxo. Por último e no mesmo día, María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá o obradoiro Woocommerce: a Solución que Buscabas para Vender por Internet I, unha ferramenta moi sinxela que permite a montaxe dunha tenda en liña xunto con un pequeno catálogo de produtos.