Noticias

SmartPeme pon en marcha esta próxima semana outros cinco obradoiros online

Ata o 6 de novembro o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre o plan de márketing e fotografías para a campaña de Nadal, debuxo con Onshape, email márketing e e-commerce


01 novembro 2020

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre plan de márketing e fotografías para a campaña de Nadal, debuxo con Onshape, email márketing e e-commerce.

En concreto, o martes haberá dúas accións: "Crea un plan de marketing para a campaña de Nadal", a cargo de Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, e "Debuxo con Onshape, Assembly I", impartido polo experto universitario en robótica Manuel Freire. Ao día seguinte, 4 de novembro, Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas, levará a cabo o obradoiro "Desenvolve a túa propia estratexia de email márketing".

O xoves 5 será a quenda da acción "Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal", a cargo de Lara Taboada, titulada superior en ensinos Artísticos de Deseño Gráfico. E, por último, O venres, o licenciado en Comunicación Audiovisual Adrián Fernández impartirá o obradoiro "Prepara o teu e-commerce para o Black Friday".