Noticias

"SmartPeme" pon en marcha esta próxima semana outros cinco obradoiros en liña

Ata o 27 de maio o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre o márketing no terceiro sector, solucións para o sector comercio, edición de fotografía, debuxo 3D e como vender por Internet con Woocommerce


23 maio 2021

A Deputación de Pontevedra, a través de "SmartPeme", oferta esta próxima semana cinco novas accións formativas impartidas de maneira en liña, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre o márketing social no terceiro sector, demostración de solucións no comercio, edición de fotografía no ordenador, debuxo 3D coa ferramenta Onshape e como vender a través de Internet.

Este martes 25 impartirase o obradoiro Márketing Social: Estratexias Dixitais para Entidades do Terceiro Sector, a cargo de Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, quen falará das diferentes formas de abordar este sector.

O mércores 26, cita para Demostración de Solucións para o Sector Comercio, obradoiro orientado ás empresas do sector comercio da provincia de Pontevedra. Xa pola tarde, Lara Taboada, impartirá Edición de Fotografía co teu Ordenador: Polarr, onde desvelará as posibilidades desta ferramenta de edición.

Para finalizar a semana, o xoves 27, será a quenda de Debuxo con Onshape, PartSudio II a cargo Manuel Freire, experto universitario en Robótica e Impresión 3D, quen falará da potencialidade desta ferramenta como fixo a semana anterior. Por último e no mesmo día, María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá o obradoiro Woocommerce: A Solución que Buscabas para Vender por Internet II, para saber como montar unha tenda en liña.