Noticias

SmartPeme pon en marcha esta próxima semana outros catro obradoiros online

Ata o 21 de outubro o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre fabricación dixital, Instagram, Google Analytics e Google My Business


17 outubro 2021

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versarán sobre o novo itinerario iniciado este mes sobre fabricación dixital, o emprego de Instagram e Google My Business para a promoción empresarial e a mellora do impacto web a través de Google Analytics.

En concreto, este martes 19 impartirase o obradoiro "Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape II – Partstudio II". Estará a cargo do experto universitario en Robótica Manuel Freire, quen dará a coñecer as tecnoloxías implicadas no proceso de fabricación dixital, tanto a nivel teórico como a nivel práctico. Os/as participantes terán contacto real coa tecnoloxía e poderán experimentar con ela, chegando a deseñar e fabricar por si mesmos unha peza no Fab Lab.

O mércores 20  pola mañá será a quenda de "Como utilizar Instagram para promover a túa empresa II" de Esther Garcinuño, enxeñeira técnica en Informática de Xestión, quen falará de Instagram desde un enfoque empresarial para dar a coñecer as súas funcionalidades e recomendar unha estratexia a seguir en función dos obxectivos de cada empresa. Pola tarde, Guillermo Nass, deseñador gráfico do Colexio Universitario Monseñor de Talavera, impartirá "Mellora o impacto da túa web grazas a Google Analytics", obradoiro centrado na análise pormenorizada dos sitios web, co estudo do público alcanzado, dispositivos, sistemas operativos e países para, cunha estratexia baseada nos datos, crear unha comunidade de clientes definida e fixar obxectivos.

Finalmente, o xoves 21, o licenciado en Comunicación Audiovisual Adrián Fernández pechará a formación da semana con "Promociona o teu negocio con Google My Business". Neste taller dará a coñecer esta ferramenta dirixida a negocios locais que buscan unha maior visibilidade grazas a xeolocalización e as procuras que a súa potencial clientela poida facer no buscador de Google.

As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPeme na url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.