Noticias

SmartPeme pon en marcha esta próxima semana outros catro obradoiros online

Ata o 6 de maio o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre como comercializar en liña experiencias gastronómicas, editar fotografías co móbil, configurar o teu PC e unha introdución ao inbound marketing


03 maio 2021

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre como comercializar en liña experiencias gastronómicas, editar fotografías co móbil, configurar o PC segundo a actividade e unha introdución ao inbound marketing.

En concreto, este martes 4 impartirase o obradoiro "Comercialización en liña de experiencias gastronómicas", estará a cargo de Sonia Torres, Técnica de Empresas e Actividades Turísticas, quen falará da importancia de saber promocionar a nosa oferta gastronómica como elemento clave no posicionamento como destino turístico. O mércores, Lara Taboada, Titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, impartirá "Edita as túas fotografías co teu teléfono móbil: Snapseed", obradoiro práctico onde usarase a aplicación para probar e explorar as súas posibilidades.

Para finalizar a semana, o xoves 6, será a quenda de dous obradoiros, o primeiro leva por título "Configuración óptima dun PC segundo a actividade para realizar I" a cargo Manuel Freire, experto universitario en Robótica e Impresión 3D, quen ensinará ao usuario a elixir correctamente a configuración do seu PC segundo a súa actividade empresarial; por último, Adrián Fernández, Licenciado en Comunicación Audiovisual, impartirá o obradoiro "Introdución ao Inbound Márketing II", dando continuidade ao anterior, onde se fala da metodoloxía non intrusiva da publicidade dixital.