Noticias

SmartPeme pon en marcha esta semana outros tres obradoiros online

Ata o 10 de decembro o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre SEO e Google Adwords e Comercialización en liña


07 decembro 2021

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versarán sobre a iniciación ao SEO II, a Introdución a Google Adwords e a Comercialización en liña de experiencias gastronómicas.

O xoves 9 impartirase o obradoiro "Iniciación ao SEO II: optimiza a túa páxina web para gañar visibilidade", de Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, que falará dos factores externos que poden afectar a nosa web e que inflúen no noso posicionamento, amais de sacarlle rentabilidade á utilización do SEO.

Pola tarde, a Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, María Aller, impartirá "Introdución a Google Adwords", onde amosará os conceptos básicos de Google Ads, navegar pola interface da ferramenta ou como crear unha primeira campaña.

Para finalizar a semana, o venres 10, será a quenda de "Comercialización en liña de experiencias gastronómicas", a cargo de Sonia Torres, Técnico de Empresas e Actividades Turísticas. Nesta ocasión falará da gran maridaxe que supón a utilización da gastronomía como reclamo turístico e de como Internet nos pode valer como ferramenta para a súa explotación

As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPeme na url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.