Noticias

Silvia Pérez: "A prostitución é unha violencia e o feito de que non se estea abordando como tal xa é de por si unha perversión"

A experta en violencia de xénero abordou a situación da trata "que se está a configurar como chibo expiatorio da sociedade para seguir sen afrontar o tema da prostitución"


09 outubro 2019
Silvia Pérez

A xornada matinal Mercantilización do Corpo das Mulleres, no marco da Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra, rematou coa conferencia de Silvia Pérez Freire "Desvelando a realidade da acción contra a trata". Na súa intervención, a relatora fixo fincapé en que "a trata sexual se está a configurar como chibo expiatorio da nosa sociedade para seguir sen afrontar o tema da prostitución" e tamén abordou a resposta institucional desde a diversidade dos axentes implicados na súa persecución, atención e sensibilización.

"A prostitución é unha violencia e o feito de que non se estea abordando como tal xa é de por si unha perversión", destacou Pérez Freire. A continuación, a relatora explicou o "contínuum trata-explotación sexual-prostitución" no que amosou que a trata forma parte do "ciclo de violencia prostitucional que se está retroalimentando constantemente", e incidiu en que a cuestión de fondo deste ciclo é "a prostitución". Silvia Pérez abordou a problemática de que, no tema da trata sexual, "hai forzas e corpos de seguridade do Estado que din que as mulleres declaran que estaban alí porque elas querían, pero iso non é o que importa, o importante e que se están a vulnerar os dereitos humanos". Neste eido, Pérez insistiu en que noutros temas a vontade da vítima é irrelevante, pero no caso da trata sexual non. "O que temos que facer é actuar á marxe da testemuña da vítima, porque se trata dunha vulneración dos dereitos humanos".

Pérez continuo analizando os distintos elementos e actuacións no ciclo da trata, segundo as súas propias investigacións. Deste xeito, comezou explicando que nas institucións públicas "se produce un corte sincrónico da realidade, descontextualízase o concepto da prostitución, non teñen clara a súa intervención integral, xerando descoordinación entre os distintos departamentos". No caso das forzas e corpos de seguridade do Estado e ONGs o que ocorre é "unha fragmentación da realidade", neste eido explicou que este é un "fenómeno inconmensurable, entón segrégase e actúase na parte que pode ser asumible para os organismos". Pola súa banda, en canto a prostituidores e vítimas, Pérez Freire chegou a conclusión de que aí se produce "unha disociación da realidade. No caso da vítima, "incluso chegan á despersonalización do seu propio corpo, xerando mecanismos para afrontar esa situación" e no que respecta aos prostituidores, "disocian da realidade, deste ciclo de violencia".

No seu relatorio, a experta fixo referencia ao seu director de tese, Juan Luis Pintos, que fixo a reflexión de que "se alguén define unha situación como real será real nas súas consecuencias". Respecto a isto, Pérez Freire fixo fincapé en que "o que fai que unha muller vítima de trata permaneza nunha situación de explotación e despois mesmo de prostitución, é porque non se sente suxeito de dereitos. Senten que a explotación sexual é para o que están destinadas porque lles din que é para o único que serven". A relatora expuxo os datos do estudo exploratorio de trata de persoas en Galicia, nos que se amosa que "houbo 1.500 vítimas de trata sexual en 2 anos, porén só 5 pasaron a procedemento xudicial".

Para rematar, a experta fixo fincapé en que "se reproducen os mesmos patróns que na violencia de xénero, onde tamén se produce a disociación da realidade". Así, Pérez resaltou que as dificultades que atopan as forzas e corpos de seguridade á hora de chegar a esas persoas son moi similares as das vítimas de violencia de xénero, "falta de autoconciencia da vítima, medo e inseguridade das e dos tratantes, dificultade de acceso á vítima e existencia de barreiras idiomáticas". A relatora tamén quixo deixar claro a definición de trata, "a captación, o transporte, o traslado, a acollida, ou a recepción de persoas, recorrendo á ameaza ou o uso da forza ou outras formas de coacción; ou abuso de poder ou dunha situación de vulnerabilidade ou á concesión ou recepción de pago de beneficios para obter o consentimento dunha persoa que teña autoridade sobre outra, con fins de explotación, neste caso sexual".

Pérez Freire é doutora en Socioloxía, profesora asociada a Universidade de Vigo e investigadora social especializada en Violencia de Xénero desde hai máis de 15 anos. De feito, a súa tese de doutoramento versou sobre como a trata sexual se está configurando como un mecanismo social de ocultación da prostitución como manifestación da violencia de xénero. Actualmente, Silvia Pérez é cofundadora da RED galega contra a trata sexual.