Noticias

Silva sinala que coa posta en marcha da EDAR e da ETAP o polígono de Barro xa ten "todos os servizos básicos para dar unha calidade ampla"

A presidenta da Deputación lembra que "despois da herdanza á que tivemos que facer fronte, hoxe o polígono de Barro é unha realidade con todos os servizos"


19 outubro 2019
Xunta de Goberno

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que a Xunta de Goberno da institución adxudicou o contrato para a posta en servizo das instalacións e equipos necesarios da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do polígono de Barro, así como para a explotación e mantemento das instalacións de abastecemento de auga potable (ETAP) do parque empresarial. O contrato foi adxudicado á UTE formada polas empresas Hidrantia, Xestión Integral da Auga, S. L. e Organización e Xestión de Proxectos e Obras, S. L., por un orzamento de 155.808,49 euros.

"Agora xa este polígono vai ter todos os servizos básicos para poder dar unha calidade ampla de prestacións –destacou Silva–. Cando chegamos, tiñamos un espazo pero nin estaban os servizos básicos postos en marcha nin había ningún traballo realizado, formando parte desa herdanza á que tivemos que facer fronte. Pero hoxe xa o polígono de Barro é unha realidade con todos os servizos, cunha alta cualificación e con firmas que se están asentando que son unha gran referencia en moitos eidos do mundo empresarial". Neste senso, lembrou que esta mesma semana presentouse a obra que vai facer o Grupo Froiz para o autoconsumo fotovoltaico, "un tratamento con enerxías limpas", na súa nova planta de conxelados.

A presidenta explicou máis polo miúdo que esta contratación vai permitir a posta en marcha de todos os sistemas da EDAR, incluíndo as estacións de bombeo de augas residuais, o seu mantemento e a retirada dos residuos xerados pola planta de depuración, entre outras actuacións.