Noticias

Carmela Silva presume do músculo emprendedor da provincia no showroom que marca o inicio da actividade na nova sede da Deputación en Vigo

O showroom concentrou 20 empresas asesoradas polo servizo da institución SmartPeme, que terá oficina na sede de Eduardo Chao


03 febreiro 2020

"Esta provincia ten futuro porque hai xente dinámica coma vós, con mirada igualitaria, sostible e local, que cre nos seus soños", asegurou Carmela Silva, ao tempo que presumía do músculo emprendedor da provincia no showroom empresarial organizado esta mañá na nova sede de Vigo. Esta iniciativa, na que participaron 20 empresas asesoradas polo servizo da institución SmartPeme, marcou o arranque das actividades na nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo.

Showroom de SmartPeme en Vigo

Acompañada polas asesoras e asesores de SmartPeme de todas as oficinas da provincia, a presidenta afirmou que "queríamos que o primeiro acto desta nova sede da Deputación en Vigo estivese ligado á economía, ás emprendedoras e emprendedores". A presidenta provincial enxalzou que "na nosa provincia hai moitas ideas innovadoras que responden ás novas demandas da sociedade e que o fan cunha mirada sostible, tan importante para o noso planeta". Xunto á sustentabilidade, Silva tamén destacou que se están a impulsar proxectos "ligados á terra, con materia prima da nosa provincia e localizadas tamén aquí", e que a súa maioría "levan nome de muller". A presidenta dixo o seguinte ao respecto: "Non hai moito tempo que as mulleres comezamos a ser emprendedoras e empresarias, xa que non tiñamos os recursos e apoios necesarios para poder facelo. Tan pronto nos dan unha mínima oportunidade, este é o resultado".

A presidenta da Deputación agradeceu a participación do alumnado de FP dos centros San Miguel e Daniel Castelao no showroom e aproveitou para facer fincapé na importancia da Formación Profesional. "Vivimos nun país no que non se lle deu demasiada relevancia á FP, que entendeu que os estudos relevantes eran os universitarios; e isto é un gran erro. Non hai máis que mirar cara a Alemaña, onde a FP si ten un peso relevante, para ver a súa importancia para capacitar e poñer en marcha iniciativas empresariais". Con estas palabras, Silva reivindicou a necesidade de "darlle un pulo á FP no noso país e poñela como unha das grandes saídas laborais e profesionais da nosa mocidade".

En total, esta mañá presentáronse en Vigo proxectos coma Rara Avis, de tocados; Romeli, de xoias personalizadas; Las creaciones de Helena, de paraugas pintados a man; Dragonfly, drons para proxectos audiovisuais; Las flores de Rita, flores preservadas e decoración; Trigo y limpio, trigo de cultivo propio; Casa O millón, vivenda turística en Cangas; Sabor&Mesa, blog e obradoiros de cociña; Broderie, complementos feitos a man; Miscelánea events, axencia de eventos; Miseguroonline, aseguradora en liña; Niri Rodríguez, fotografía; Casal de Flores, adega de albariño; Rebulidoiro, produtos ecolóxicos; Amarelas, turismo e proxectos lúdicos; Xacobleas, obleas naturais e artesás; Miolos design, artesanía minimalista; Do gaiteiro, galletas e granolas artesanais; La mariquita de azúcar, elaboración de marmeladas artesás; e Muchachicha, de roupa interior e exterior ecofeminista. Todos estes proxectos empresariais recibiron o asesoramento das técnicas e os técnicos de SmartPeme, un proxecto da Deputación que ofrece asesoramento tecnolóxico desde o ano 2016 para mellorar a competitividade das pemes e das persoas autónomas e emprendedoras. Como dixo a presidenta, "a idea da iniciativa é que as novas tecnoloxías poidan ser un instrumento para que as ideas se convertan en realidade e os proxectos en negocios rendibles, que permitan o seu mantemento e a creación de emprego". Carmela Silva destacou que a oficina de SmartPeme en Vigo, que a partir de agora estará situada na primeira planta da súa nova sede en Eduardo Chao, atendeu 1.000 consultas e ofreceulles asesoramento a máis de 200 empresas desde o ano 2016. Tamén se organizaron 234 obradoiros, nos que participaron arredor de 2.000 persoas.

Fotos

Vídeos