Noticias

Silva destacou o programa "Practicum Depo" coma medio útil para que mozos e mozas teñan máis oportunidades de futuro

Un total de 46 estudantes de Formación Profesional da provincia participaron en Pontevedra nunha xornada de formación previa ás súas estadías formativas no estranxeiro


27 sep 2016
practicum depo

erasmus +

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou esta mañá, no Edificio Administrativo da Deputación, nunha xornada de presentación e formación sobre o Programa Erasmus+ "Practicum Depo 2015" para 46 mozos e mozas que van iniciar en outubro as súas estadías formativas no estranxeiro. Silva salientou a importancia deste programa formativo "que pretende que sumemos máis medios útiles para que a xente moza teña máis oportunidades de futuro".  

Carmela Silva lembroulles ademais aos mozos e mozas que, dende a Deputación, agardan que "estas estadías fóra sexan unha experiencia moi positiva que vos sirva para ter máis fortalezas en todos os sentidos, profesionais e persoais, para o día de mañá poder acceder mellor ao mundo laboral". A presidenta destacou que outros estudantes que xa regresaron das súas mobilidades están valorando moi positivamente a iniciativa, que está logrando así cumprir todos os seus obxectivos: coñecer novas realidades, ter unha visión máis global do mundo, formarse de forma práctica no ámbito que xa teñen formación teórica e practicar novos idiomas e habilidades lingüísticas.

Silva aproveitou para reivindicar tamén o papel dos mestres e mestras neste programa de "Practicum Depo" e en moitos outros proxectos que moitas veces se alonxan da súa actividade especificamente académica. "Isto significa para os mestres e mestras máis traballo, máis implicación e tamén certo risco, xa que sacamos aos rapaces e rapazas do seu ámbito para levalos a algo totalmente distinto, pero iniciativas coma esta reforzan e reivindican o seu papel coma servidores públicos", explicou.

Na xornada formativa en Pontevedra participaron 46 mozos e mozas que van iniciar en outubro a terceira mobilidade do Programa Erasmus+ "Practicum Depo 2015". Durante toda a mañá recibiron a preparación sobre distintos aspectos desta iniciativa, como dereitos e deberes, trámites, coberturas e temas sanitarios. 

Todos e todas son estudantes de formación profesional que, grazas a este programa, van pasar seis meses facendo prácticas formativas en Italia, Reino Unido e Irlanda. Esta xa é a terceira quenda de mobilidade, da que xa están gozando tamén outros 10 mozos e mozas que comezaron as súas estadías en Irlanda a principios de setembro. Na segunda mobilidade participan 26 estudantes, que aínda rematan as súas estadías o próximo mes de novembro. A primeira mobilidade foi para 41 estudantes. En total, con esta iniciativa, un total de 123 estudantes de formación profesional da provincia realizan prácticas formativas no estranxeiro. 

Estes 46 mozos e mozas proveñen de doce especialidades distintas de formación profesional. Comezarán as súas estadías a principios de outubro: 29 en Italia, 16 no Reino Unido e 1 en Irlanda. Case todos e todas esgotarán a duración máxima das prácticas, que é de seis meses e medio, e polo tanto volverán en abril de 2017. Contan cunha axuda para gastos de viaxe e outra de apoio individual para gastos de aloxamento, manutención e transporte local, sempre en función do destino e do período de estancia.

"Practicum Depo 2015" enmárcase no programa europeo Erasmus+. Supón unha grande oportunidade para que alumnado de formación profesional poida realizar prácticas formativas no estranxeiro, mellorando así as súas competencias vinculadas ao seu perfil profesional e tamén as súas competencias lingüísticas nunha lingua estranxeira.