Noticias

Silleda sinala a pavimentación da estrada municipal de Saídres, financiada pola Deputación, como exemplo na mellora das comunicacións no rural

O alcalde, Manuel Cuíña, e o deputado Gregorio Agís visitaron a obra e repasaron futuras actuacións no municipio


27 agosto 2021
Pavimentación en Silleda

O Concello de Silleda aposta forte pola mellora das comunicacións interiores nas parroquias do rural. O deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde, Manuel Cuíña, visitaron a recente reforma na pista municipal de Saídres, onde acaba de investirse 173.284 euros achegados pola Deputación, no marco do financiamento municipal regrado do Plan Concellos. O deputado e o alcalde non dubidaron en cualificar esta obra como "exemplo de calidade na mellora das comunicacións no rural", tanto polos seus resultados como pola súa funcionalidade.

O proxecto de Saídres permitiu renovar completamente o firme existente nesta estrada municipal, que, ao longo de algo máis de 3 km, articula a parroquia comunicándoa coa estrada provincial EP-6502 en dirección a Carboeiro. A actuación supuxo pavimentar unha superficie de 16.370 metros cadrados e foi sinalada tanto por Manuel Cuíña como por Gregorio Agís como "exemplo de calidade nas comunicacións no rural". Ademais, durante as obras ampliouse a sección da calzada en 25 centímetros a cada lado para mellorar a seguridade viaria e conter a presencia de vexetación nas marxes. O acabado incluíu tamén o pintado dos bordos da calzada, proporcionando así á veciñanza unha vía rural en condicións óptimas.

O alcalde destacou que esta visita a unha estrada municipal tan importante como a de Saídres prodúcese tan só un día despois de terse anunciado a inminente pavimentación de 13 Km de camiños rurais que a Deputación tamén vai financiar coas achegas dos Plan Concellos 2021 e cun importe total de 605.308 euros. Estas obras incidirán directamente sobre 14 camiños e vertebrarán unha parte importante do rural de Silleda.

Durante a visita a Saídres, o deputado de Infraestruturas tamén informou dos avances nos trámites para a contratación da nova rotonda que mellorará a seguridade viaria no entronque entre a estrada provincial EP-7201 e a autonómica PO-201 nas inmediacións do centro de saúde, o parque das Pedrosas e o cemiterio. Agís deu conta que o procedemento de contratación está en marcha e as empresas interesadas teñen ata o próximo día 14 de setembro para presentar as súas ofertas. O orzamento de licitación é de 225.711 euros.

O proxecto non só permitirá reducir a velocidade, senón tamén delimitar claramente os espazos dedicados ao tránsito peonil nunha zona onde existe un importante número de persoas que camiñan, dados os equipamentos públicos máis próximos. Ademais melloraranse os servizos de iluminación, así como a drenaxe das augas pluviais.

A nova glorieta terá un diámetro exterior de 36 metros e interior de 16 metros, con dous carrís de circulación de catro metros de anchura e dous beiravías dun metro. A glorieta estará acabada en bordo remontable. As persoas disporán dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho polo contorno e a pasarela elevada actual, que ten un uso case nulo, será eliminada. A maiores, os pasos de peoas e peóns serán elevados para remarcar a prioridade peonil. Con esta obra darase continuidade á humanización acometida o ano pasado na rúa da Chousa Nova, onde están o centro de saúde e o centro de maiores, e crearase un itinerario peonil seguro e coherente. Unha vez adxudicadas e reformuladas as obras, o prazo de execución será de cinco meses.

Fotos