Noticias

Silleda será escenario este xoves da nova acción do programa "Violencia zero", que chega da man dos acordes musicais de "Dúas"

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, asistirán á acción artística do grupo "Dúas" xunto ao alumnado e profesorado do IES Pintor Colmeiro


02 maio 2018
Mulleres en Acción. Violencia Zero

A presidenta da Deputación de Pontevedra, acompañada da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e do alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, asistirá este xoves 3 de maio, ás 12 horas na praza da Igrexa de Silleda, á duodécima intervención artística do programa "Mulleres en acción. Violencia zero", iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

As protagonistas da acción artística, á que asistirá un centenar de nenos e nenas do IES Pintor Colmeiro, serán Marta Figueiredo e Sabela Caridad, integrantes do grupo musical "Dúas". As artistas galegas son dúas percusionistas que se coñeceron en 2005 cando coincidiron por primeira vez nun encontro da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia (OXSG). No verán de 2015, a partir de ideas e inquedanzas similares, decidiron iniciar un proxecto emprendedor cuxa idea principal é facer boa música a través de espectáculos próximos ao público. Abarcan un amplo repertorio e interpretan obras de diferentes estilos, desde o período clásico ata o moderno e o contemporáneo, compaxinándoo con pezas da súa propia creación como Pollistes gallicus, obra para vibráfono e percusión estreada o 25 de decembro de 2015 en Sada.

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente terá lugar este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).


Novas relacionadas