Noticias

Silleda reforza o seu parque de maquinaria coa adquisición dun camión de mantemento viario financiado pola Deputación


14 setembro 2021
Camión de mantemento vial

O Concello de Silleda reforza os seus medios para o mantemento do viario municipal coa compra dun camión dotado de máquina estendedoira. O deputado Manuel González asistiu ao acto de recepción do vehículo, que foi financiado co Plan Concellos. O acto foi presidido polo alcalde, Manuel Cuíña, e contou tamén coa asistencia do concelleiro de Obras, Antonio Ferro.

O camión foi adquirido á empresa Angal Vehículos Industriales, que presentou unha oferta de 110.715 euros. Silleda substitúe así ao anterior camión que, que acumulaba xa preto de 30 anos de antigüidade e, ademais de ter esgotado a vida útil, resultaba pouco funcional. Desde o Concello remarcouse que ao ter optado por adquirir un camión con capacidade para estender o aglomerado asfáltico o traballo axilizarase notablemente, reducindo os tempos e rendibilizando o traballo manual que realizan as persoas operarias do Concello. O vehículo completou a adquisición hai poucos meses, e tamén co apoio provincial, dunha máquina compactadora.

Manuel González afirmou que a Deputación observa sempre con satisfacción como os concellos son quen de atender as súas necesidades gracias ao apoio e ao financiamento regrado que proporciona o Plan Concellos. "O beneficio vai ser toda a veciñanza do concello", destacou antes de engadir que a conservación da rede viaria municipal nun concello das características de Silleda, con moita extensión e dispersión territorial, require duns medios materiais adecuados. O alcalde, pola súa banda, recalcou que "a renovación do vehículo era unha necesidade urxente e grazas a este investimento a través do Plan Concellos, agora podemos asumilo, mellorando deste xeito en gran medida o día a día no Departamento de Vías e Obras".

O novo camión está dotado tamén de sinalización acústica e luminosa, enganche de remolque, sistema de regulación de estabilidade, detector de cambio de carril e sistema de freado total en caso de posible colisión ou atropelo a velocidades inferiores a 50 Km/h, optimizando así a seguridade.