Noticias

Silleda, recibe o programa "Mulleres en acción. Violencia zero" coa actuación de María Lado

O programa promovido pola Deputación de Pontevedra xunto cos concellos da provincia ten por obxectivo convidar á sociedade á reflexión sobre a lacra das agresións machistas


25 setembro 2017
Mulleres en Acción. Violencia Zero en Silleda

A presidenta de Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, asistirá este martes 26 de setembro ás 12 horas na praza da Igrexa a unha nova intervención artística do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", da Deputación de Pontevedra, que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra a violencia machista así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade. Nesta ocasión a artista participante será María Lado, que actuará en Silleda coa súa obra Dentro.

A poeta María Lado, nacida en Cee, conta cunha ampla obra publicada e desde os seus inicios en 1997 interesouse pola posta en escena do texto, campo no que nunca deixou de investigar. A súa actividade literaria, ademais da poesía publicada e algúns relatos en edicións colectivas, céntrase en recitais e outros modos de acción poética pública.

"Mulleres en Acción. Violencia Zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta 2.ª edición comezou en novembro de 2016 e terá lugar este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).

Fotos