Noticias

Silleda acada un aforro enerxético de preto do 60% a través da achega do IDAE xestionada pola Deputación

Cun orzamento de case 89.000 euros, as obras permitiron cambiar 203 luminarias en lugares como a N-525 ao seu paso por Lamela, Mera ou Bandeira


02 decembro 2021
Silleda

Varias zonas do concello de Silleda contan xa con nova iluminación ao abeiro dunha subvención de 88.750 euros procedente do IDAE e que foi xestionada pola Deputación de Pontevedra. Con estes fondos europeos o municipio logrou un aforro enerxético de case o 60% en distintas vías, como a N-525 ao seu paso polo lugar de Lamela. Alí trasladáronse o deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, xunto á concelleira de Medio Ambiente, María del Pilar Peón, para visitar estas obras de renovación do alumeado público.

As actuacións realizáronse sobre 203 puntos de luz situados en diversas zonas como a xa mencionada N-525, a PO-201 ou as vías que unen os lugares de Lamela, Bandeira e Calzada así como Cortegada e O Burgo. Instaláronse luminarias con tecnoloxía LED, máis respectuosas co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas, que contan cun sistema que permite reducir o fluxo luminosos nas horas de menor uso. Con elas tamén se diminúe  a potencia instalada mantendo a calidade de iluminación e mellorando a eficiencia das instalacións.

A institución provincial continúa así a actuar en liña en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 -cuxo sétimo fito é garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna- ao tempo fai unha labor de concienciación social a prol de reducir a pegada de carbono na provincia.

A Deputación xestionou estas axudas europeas para renovación de iluminación exterior diante do IDAE, que distribúe en España parte do programa operativo FEDER. Para elo acolleuse á convocatoria para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).