Noticias

A Deputación pon en marcha sete novas accións formativas do programa "Tic Emprendes" para fomentar o emprendemento no medio rural

As novas actividades do proxecto, que impulsa a institución pr0vincial xunto ao Fondo Social Europeo, permitirán formar a 105 persoas ata finais de ano


01 novembro 2021
Xunta de Goberno 29-10-2021

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar novas accións formativas gratuítas do proxecto Tic Emprendes, impulsado pola institución provincial e que cofinancia o Fondo Social Europeo para fomentar a empregabilidade e o emprendemento entre a mocidade daqueles concellos da provincia que máis sofren o déficit demográfico.  

En concreto, serán sete as novas accións formativas do programa, con 125 horas de duración e cun total de 105 prazas para persoas mozas de entre 16 e 30 anos residentes nalgún dos 31 concellos da provincia participantes no proxecto. Tic Emprendes adaptou a oferta da súa formación a aquelas actuacións formativas máis demandadas pola mocidade, e deste xeito contémplanse catro itinerarios: Competencias dixitais en ofimática (unha acción formativa que terá dúas edicións); Márketing dixital: estratexias SEO, SEM, Redes sociais e análise de tráfico web (1 edición; Community Manager (2 edicións) e Operario/a de xestión loxística e dixital de almacén, cun módulo de carretilleiro (2 edicións).

O obxectivo da iniciativa é, por medio dunha formación eminentemente práctica e centrada en actuacións formativas relacionadas coas Novas Tecnoloxías e as TIC, impulsar proxectos  que aumenten a empregabilidade e o emprendemento da mocidade que habita ou vaia habitar en concellos do rural, tanto para emprender e traballar por conta propia como para facelo por conta allea, e así contribuír a evitar o a despoboamento.

Poden participar en "Tic Emprendes" persoas mozas de 16 a 30 anos dos 31 concellos participantes: Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade,Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario Moraña, As Neves, Pazos, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Rodeiro, Oia, O Rosal, Silleda, Valga e Vila de Cruces. Para inscribirse teñen que estar inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, ser desempregadas non integradas no sistema de educación ou formación e deben ser residentes en calquera dos concellos rurais antes citados.

En cada itinerario ofrecerase formación en materias específicas de cada zona, titorías personalizadas para a busca de emprego e asesoramento para a creación da propia empresa. As solicitudes poderanse presentar preferentemente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Deputación: https://sede.depo.gal. Para mais información, as persoas interesadas poden contactar en https://www.depo.gal/tic-emprendes  e nos teléfonos: 886 217 320 / 986 804 100 (extensión 47 320).

O programa Tic Emprendes, que ten un orzamento total de 700.000 euros, contempla un total de 26 accións formativas enmarcadas en 11 itinerarios que ao seu remate haberán beneficiado a un total de 390 persoas mozas. No que vai deste 2021, desenvolvéronse xa 9 accións formativas e hai outra en marcha, cun total de 122 participantes, dos que a maioría (un 63,1%) foron mulleres (77) e houbo 45 homes. Despois destas 7 novas accións formativas quedarán outras 9 por desenvolver, que se levarán a cabo entre finais deste 2021 e o 2022.