Noticias

Sés chega ao Canteira Fest de Vilaboa da man do programa da Deputación de Pontevedra Musigal 2019

A artista coruñesa actuará no festival de Vilaboa na noite do 21 de setembro


20 setembro 2019
Musigal

A artista coruñesa Sés actuará este sábado pola noite no festival Canteira Fest, en Vilaboa, no marco do programa da Deputación de Pontevedra vinculado á área de cultura Musigal 2019. María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, é unha das grandes da música en galego e en feminino, ademais de mostrar un firme compromiso coa loita das mulleres. No seu último disco, Rabia ao silencio, incluíu temas adaptados á lingua galega que marcaron movementos sociais do século XX.

Musigal 2019 naceu co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, xa que busca fomentar a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.

Este ano participan no programa da institución provincial máis de 100 grupos e artistas con domicilio social en Pontevedra. Esta segunda edición do programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros, incrementou notablemente as solicitudes de inscrición con respecto á primeira edición, que empezara con 70 inscritos. Coma o ano pasado, neste programa existen seis categorías musicais: "Son muller", na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; "Son crianza", para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar; "Son mocidade", para grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; "Son tradición", para grupos de música tradicional galega; "Son clásico", para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autoras e autores galegos, e "Son actual", para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica.