Noticias

Seis equipamentos da provincia financiados pola Deputación optan aos premios COAG de arquitectura

Seis dotacións deportivas, educativas e de recuperación do patrimonio, amais de proxectos de mobilidade sostible e de recuperación do espazo público figuran na lista das finalistas


04 setembro 2021
Seis equipamentos da provincia financiados pola Deputación optan aos premios COAG de arquitectura

"Non é casualidade e responde ao modelo transformador, sostible, dixitalizado, moderno e de recuperación do espazo público que promove a Deputación". A presidenta provincial, Carmela Silva, amosou hoxe a súa satisfacción polo novo recoñecemento ao modelo da institución que supón a inclusión de seis obras realizadas na provincia da man da Deputación nas candidaturas aos Premios COAG de Arquitectura, que se fallarán a finais de mes.

Trátase do campo de fútbol da Gandareira (Silleda), cun orzamento de 1,3 millóns que se financiou en parte co Plan Reequilibrio e o Plan Concellos; o campo de fútbol de Campañó (Pontevedra), cun investimento dun millón de euros a través dun convenio co Concello; a Escola Infantil de Vilaxoán (Vilagarcía), financiada co Plan Concellos; a restauración da Fonte do Campo da Torre (Caldas), subvencionada a través das achegas para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico e Cultural; o Parque Central da Cañiza, financiado co Plan de Reequilibrio e os proxectos de mobilidade peonil do Seixo en Tomiño, que contou co financiamento do Plan DepoRemse.

Carmela Silva lembrou que as actuacións derivadas do Plan de Reequilibrio ou DepoRemse "tiñan que cumprir uns baremos que teñen logrado que sexamos unha gran referencia". "Está claro que a Deputación ten un modelo do que me sinto orgullosa –sinalou-. As administracións non están para dicir que queren máis poder, senón para mellorar a vida da xente e mellorar todos os concellos".

A presidenta destacou tamén o feito de que algúns destes proxectos xa acadaron recoñecidos galardóns, como o campo da Gandareira, que entre outros conseguiu premio na XV Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo (BEAU); a Escola Infantil de Vilaxoán, mención especial nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020 e accésit en los Premios Juana de Vega de Intervención na Paisaxe 2019; o campo de fútbol de Campañó, finalista dos Premios FAD 2020 e a restauración da fonte do Campo da Torre, premio Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2019.