Noticias

Sanxenxo recibe máis de 50.000 € do Plan Concellos para instalar unha rede se saneamento na contorna da piscina municipal

A institución provincial entregou xa o 64% do total destinado a Sanxenxo dentro do Plan Concellos 2016, o que supón un investimento na vila de 734.206,72 €


20 ago 2016

A Deputación de Pontevedra, a través dunha resolución presidencial, vén de aprobar a achega de 56.752,44 € ao concello de Sanxenxo por mor da instalación dunha rede de saneamento de augas residuais e pluviais na contorna da piscina municipal. Esta actuación forma parte da liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2016.

Estas axudas súmanse a aquelas xa outorgadas pola Deputación no Plan Concellos. En concreto, 271.545,49 € na liña 1 para a ampliación da Casa da Cultura de Aldina, a reparación da instalación do alumeado público na rúa Progreso e o lugar de Forxán, o subministro de material e maquinaria para os parques e xardíns municipais, o acondicionamento da parcela municipal de equipamento público PEI-3, a subministración de elementos biosaudables para o parque público Xuncabranca, a adquisición dun sistema de control para a presenza de empregados e empregadas, a realización de obras de mellora no alumeado público en Arnosa (Vilalonga), e o subministro de varios materiais e equipamentos: paneis informativos para as praias con bandeiras azuis, un sistema de detección de drogas en condutores e oito chalecos antibalas para a Policía Local e para dotar a Escola de Música Municipal dun piano de cola.

Na liña 2, o Plan Concellos destinou 150.605,31 € á amortización dun préstamo, na liña 3 4.819,15 € destinados a dípticos e unha campaña informativa do valor ecolóxico das praias e a campaña Bandeira Azul 2016 e, por último, Sanxenxo se beneficiou de 250.484,33 € para a contratación de 30 persoas na liña 4 de emprego.

No que levamos de 2016, a Deputación provincial xa entregou o 63,8% do total destinado a Sanxenxo dentro do Plan Concellos 2016, situando neste momento o investimento na vila en 734.206,72 €.