Noticias

San Vicente do Grove estreará a mellora da estrada provincial na primavera de 2018

A Deputación e o Concello do Grove asinaron hoxe o convenio para realizar a actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible na EP-9106, que suporá un investimento de 542.261,73 €


09 agosto 2017
Firma do convenio no Grove

A estrada provincial que leva ás praias de Area Grande, do Francés e o Carreiro na parroquia de San Vicente do Grove estará reformada na primavera de 2018. Así o anunciou hoxe a Deputación na sinatura do convenio co Concello do Grove, un acordo que permitirá realizar unha actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible -cunha senda peonil e ciclista e espazos de preferencia peonil- e a posta en valor da contorna do santuario da igrexa de San Vicente cun investimento de 542.261,73 €, dos que a institución provincial achegará o 80 %.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a día de hoxe xa están dispoñibles os terreos necesarios para realizar a mellora e Patrimonio xa deu o seu visto e prace á actuación, que afectará á contorna de varios elementos patrimoniais como a igrexa ou o cruceiro. O proxecto, así, pasará no día de mañá ao departamento de Contratación provincial para iniciar a licitación. Unha vez adxudicada a obra o prazo de execución será de catro meses, polo que Benítez asegurou que de cara ao vindeiro verán, cando aumenta a poboación estacional, a mellora viaria estará "sobradamente rematada".

Segundo explicou o deputado Benítez, a Deputación de Pontevedra está a desenvolver unha nova filosofía de actuación en materia de infraestruturas en toda a provincia, a Estratexia de Mobilidade 3.0, que supón "unha replanificación profunda e conceptual das actuacións en materia de mobilidade, con especial fincapé na protección dos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida; a diferencia de actuacións do anterior goberno, que só desenvolvía obras pensadas unicamente para os vehículos". Destacou que o obxectivo do novo goberno é conformar un contorno viario seguro e tranquilo, fomentando a convivencia de todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento, así como repartir de xeito equitativo o espazo público.

Tendo en conta esa nova filosofía, e ante a demanda do Concello do Grove de actuar na estrada de San Vicente, o departamento técnico provincial deseñou unha actuación para a EP-9106 na que se aposta por fomentar a mobilidade peonil da veciñanza da contorna e dos usuarios ocasionais da vía cunha senda peonil e ciclista, zonas de prioridade peonil e a instalación de medidas de calmado do tráfico.

O proxecto executarase en 877 metros de lonxitude da vía, entre o cruzamento coa estrada provincial EP-9101 e a igrexa de San Vicente. Este espazo dividirase en tres tramos diferenciados. No primeiro e no terceiro ámbito crearase unha senda de 2,5 metros de largo para o tránsito peonil e ciclista, que estará delimitada por elementos de iluminación e terá unha rodaxe diferenciada de formigón na que o máximo de velocidade será de 30 quilómetros por hora.

O segundo treito (390 metros) coincide coa zona de vivendas, na que o largo da vía non permite unha segregación de tránsitos, polo que se aposta por unha plataforma única na que haberá prioridade peonil e os vehículos non poderán superar os 20 quilómetros por hora. "Trátase do primeiro proxecto da Deputación no que, ao non haber un largo suficiente para facer beirarrúas, se instala unha plataforma única. Esta actuación servirá como exemplo de plataformas únicas en lugar de facer beirarrúas absurdas dun metro que non valen para nada", salientou o deputado. Neste espazo haberá unha plataforma continua de cor diferenciado e terá tamén unha baliza de iluminación para destacar o uso peonil. Como elementos de seguranza viaria, instalaranse cinco pasos de peóns sobreelevados (lombos) e dez redutores físicos de velocidade de vehículos.

Outra parte da actuación será a referida á posta en valor da contorna da igrexa de San Vicente do Grove, onde se redefinirá o espazo con novos pavimentos –de lastras e pedra– que estarán delimitados por bolardos para acceso exclusivamente peonil, así como a drenaxe e iluminación do cruceiro. Tamén se inclúen partidas de xardinería e proxéctase a plantación de tres cipreses. A obra comprenderá tamén a mellora da rede de drenaxe, recuamento de muros de peches, sinalización e mobiliario urbano.

Recursos para o aproveitamento das persoas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou hoxe na firma do convenio co alcalde do Grove, José Cacabelos que "considero moi importante poñer en valor que hai unha nova Deputación que goberna dunha forma totalmente diferente do que se viña facendo ata o de agora. Isto percíbese en como desenvolvemos proxectos que teñen que ver coas infraestruturas provinciais. Cando nós chegamos tiñamos unha terrible herdanza. Estivemos dous anos tomando decisións sobre obras que había que modificar profundamente ou que mesmo había que paralizar porque estaban proxectadas sen ter en conta os informes preceptivos".

A nova forma de gobernar reflíctese, segundo destacou a presidenta en que "agora temos un proxecto, temos un plan para as infraestruturas da nosa provincia. Non actuamos por conxunturas, por cuestións partidarias ou por intereses particulares. Actuamos segundo o territorio que queremos construír xunto aos concellos da provincia. Agora temos un proxecto serio e rigoroso para a provincia de Pontevedra".

Carmela Silva, asegurou que "o proxecto que hoxe firmamos co Grove forma parte do gran proxecto de Mobilidade 3.0. Temos moi claro que a seguridade viaria é unha das nosas prioridades. Temos que devolver á xente o espazo público que xamais debeu perder. Unha administración seria, rigorosa, do século XXI e responsable ten que poñer en marcha proxectos coma este".

Por último, a presidenta destacou que somos "un goberno que utiliza os recursos para o aproveitamento das veciñas e veciños da provincia, que de seguro no Grove van quedar encantados con esta actuación que ten en conta as persoas e que garante a accesibilidade".

Pola súa banda o alcalde de O Grove, José Cacabelos, lembrou que o proxecto de San Vicente xurdiu por iniciativa das súas veciñas e veciños hai xa moitos anos. Subliñou que houbo un primeiro proxecto para a zona realizado polo anterior goberno e presupostado en 245.000 € "que seguía cometendo os mesmos erros de poñer beirarrúas mínimas" e que non tiña o apoio da veciñanza. Subliñou así que "a nova Deputación abriunos os ollos cun cambio radical de enfoque para facilitar a mobilidade da xente do rural".

Cacabelos subliñou que o día de hoxe, coa sinatura do convenio, é "un día grande para O Grove e un día moi grande para os veciños e veciñas de San Vicente, que gañan en calidade de vida". Por este motivo, agradeceu a grande implicación e dispoñibilidade dos técnicos e do deputado do departamento de Mobilidade Uxío Benítez, así como da presidenta Carmela Silva, no que definiu como "un exemplo de como se debe traballar" entre administracións.


Novas relacionadas


11 marzo 2017, o grove, estrada, movilidad, reforma, peatonal, peonil, san vicente