Noticias

Samuel Blanco, campión de España elite de ciclismo en ruta, entrega o "maillot" na Deputación de Pontevedra e proponse volver como vencedor da volta a Galicia

Samuel Blanco, campión de España elite de ciclismo en ruta, entrega o "maillot" na Deputación de Pontevedra e proponse volver como vencedor da volta a Galicia


08 setembro 2020
Club supermercados Froiz

Samuel Blanco, o ciclista de Redondela que acaba de proclamarse campión de España en ruta na modalidade elite (afeccionado) durante a proba que tivo lugar recentemente en Xaén, estivo hoxe na Deputación para entregar o maillot ao deputado de Deportes, Gorka Gómez. Ao acto, no que tamén participaron os deputados Laura Iglesias, Olga García e Manuel González, asistiu ademais o director deportivo do Supermercados Froiz, Evaristo Portela, e a directora de comunicación do equipo, Ana Portela.

Gorka Gómez destacou o valor do noveno posto na clasificación absoluta dunha esixente proba que encabezou Luis León Sánchez e na que Blanco entrou por diante de ciclistas que hoxe están disputando o Tour de Francia. Un fito que de por si xustifica toda a temporada e que súmase ao segundo posto conseguido semanas antes na Volta a Zamora. Despois destes logros, engadiu o deputado de Deportes, Samuel queda moi ben posicionado para dar o salto, nun breve tempo, ao profesionalismo, "cousa que, sendo redondelán, non pode nin dubidarse".

O deputado de Deportes, que desculpou á presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen non puido asistir por ter outro compromiso institucional, destacou especialmente o feito de que Samuel, que sufriu unha aparatosa caída na Volta a Cantabria o pasado xoves, xa parece estar completamente recuperado. "Acábame de dicir que vai correr a Volta a Galicia, o que demostra que os ciclistas están feitos doutra pasta". Ademais, quixo recoñecer os seus valores humanos por terlle dedicado a vitoria no Campionato de España á súa avoa, falecida hai poucas datas.

O responsable provincial de Deportes puxo en valor a todo o equipo Supermercados Froiz e os éxitos que está a conseguir nun ano extraordinariamente complexo por mor da COVID-19 e aproveitou para anunciar a continuidade do patrocinio ao equipo pontevedrés, que é emblema do ciclismo afeccionado en España. "Estamos encantados de que levedes o nome da Deputación no maillot".

Samuel Blanco agradeceu o apoio da Deputación por apoiar ao ciclismo nun ano tan difícil, no que se están a suspender numerosas probas. En canto á vitoria no Campionato de España cualificouna como "un trunfo traballado" tralo sacrificio que supuxeron as concentracións en altura. Adiantou que a súa cabeza está xa na Volta a Galicia e fixo votos para poder volver en breve ao Pazo provincial para ofrecer outro maillot de gañador.

Evaristo Portela, director deportivo do equipo, afirmou que cando vén á Deputación séntese como na súa casa e amosouse encantado co rendemento do equipo neste ano e, especialmente, con Samuel Blanco. "Este trunfo foi un momento apoteósico e quixemos compartir a felicidade que sentimos coa Deputación, que sempre nos apoia".