Noticias

Salvaterra pon a punto as instalacións do campo do Casal e o pavillón de Leirado cunha achega de 240.000 euros da Deputación

Santos Héctor: "O Plan Concellos é tan flexible que cubre todo tipo de obras en servizos municipais, pero dun tempo a esta parte estamos a notar unha aposta polas instalacións deportivas en toda a provincia"


12 marzo 2021
Salvaterra de Miño

Salvaterra de Miño goza duns espazos deportivos renovados grazas a unha achega de preto de 240.000 euros da Deputación de Pontevedra. As obras realizadas ao abeiro do Plan Concellos permitiron a substitución da superficie de herba artificial do campo de fútbol do Casal e a dotación dunha nova cancha deportiva de madeira no polideportivo de Leirado. Os deputados provinciais de Cooperación, Santos Héctor, e de Deportes, Gorka Gómez, supervisaron as actuacións xunto coa alcaldesa, Marta Valcárcel e o concelleiro de Deportes, Edgar Martínez.

Santos Héctor cualificou as obras como "extraordinarias" e destacou que permiten a práctica do deporte en condicións de máxima seguridade e confort, tanto para as nenas e nenos das escolas deportivas, como para os clubs e afeccionados. O deputado de Cooperación felicitou á Corporación "por saber traducir o Plan Concellos en obras distintas que favorecen á veciñanza". "A nosa intención é que a xente poida dispoñer de servizos e instalacións de calidade", remarcou. Santos Héctor recalcou a enorme flexibilidade do Plan Concellos, que permite financiar todo tipo de obras en servizos municipais, pero, remarcou, "dun tempo a esta parte estamos a notar unha aposta crecente polas instalacións deportivas en toda a provincia".

A alcaldesa destacou que son dúas obras executadas a través do Plan Concellos 2019, "cartos da Deputación que distribúe o Concello no que considera convinte". Explicou que as necesidades son moi amplas, "pero investir en deporte é investir en saúde". "Somos un dos poucos concellos que está a crecer na nosa zona e temos claro que a xente elixe a Salvaterra como residencia pola calidade que ofrecemos". Finalmente, destacou que a situación sanitaria que estamos a vivir significou tamén poñer en valor a opción de vivir no rural, polo que é preciso dotalo de "instalacións dignas".

O campo de fútbol do Casal, que presentaba un estado de deterioro elevado, mellorou a súa superficie coa implantación dunha nova manta de céspede cun monofilamento de 40 mm de altura de cuarta xeración e con homologación FIFA, que permite a práctica deportiva en óptimas condicións. Ademais estendéronse 20 quilos de caucho por cada metro cadrado e outros 16 quilos de area de sílice. A anterior "alfombra" de céspede artificial estaba completamente esgotada tras varios anos de uso intensivo, presentaba desgastes irregulares e falta de caucho, incrementando así o risco de lesións. As obras tiveron un custo superior aos 157.000 euros.

Pola súa banda, o polideportivo de Leirado tamén experimentou unha gran mellora ao substituír a soleira anterior por unha nova con tarima de madeira de faia, moi adecuada para a práctica de fútbol sala, baloncesto e patinaxe. A anterior superficie tiña una antigüidade superior aos 25 anos, p0lo que foi substituída pola nova cancha de madeira, colocada sobre unha base areaelástica de 15 milímetros, moi similar á utilizada recentemente noutros pavillóns da provincia, tamén ao abeiro do Plan Concellos. O acabado final fíxose cun verniz específico de alta resistencia. Esta obra tivo un orzamento de preto de 80.000 euros.

A Deputación de Pontevedra ten investido en Salvaterra de Miño máis de 6,6 millóns de euros desde que no ano 2015 se produciu o cambio á fronte do Goberno provincial. Este financiamento permitiu acometer máis de 50 obras entre pavimentacións e saneamentos con cargo ao Plan Concellos. A maiores executáronse outras iniciativas baixo o Plan DepoRemse (mobilidade segura en vías municipais) para sobreelevar pasos de peóns en varios puntos do municipio. Este ano 2021, Salvaterra de Miño contará con outros 788.500 euros do Plan Concellos que xa ten decidido utilizar parcialmente na mellora da seguridade peonil no contorno do antigo colexio de Leirado e na adquisición dun camión de recollida de lixo. Por outra banda, dentro do mesmo Plan Concellos da Deputación Provincial, Salvaterra de Miño poderá contratar a outras 18 persoas desempregadas para atender servizos municipais, chegando así a un total 114 persoas contratadas desde o ano 2015.