Noticias

Salvaterra de Miño contratará a 20 persoas traballadoras municipais a través do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno provincial aprobará este venres 165.341,84 euros para que o concello contrate a persoas para seguridade, socorrismo, actividades de tempo libre, limpeza, información turística, construción e albanelería, recollida do lixo, condución e cobros


16 xaneiro 2019
Plan Concellos 2019

O deputado de Cooperación, Carlos López Font, informou hoxe da aprobación, este próximo venres pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, dunha partida de 165.341,84 euros para que o Concello de Salvaterra de Miño poida contratar a 20 novas traballadoras e traballadores municipais ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos 2019. As persoas contratadas dedicaranse a labores de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, tal e como recollen as bases reguladoras da convocatoria do plan.

En concreto, o Concello de Salvaterra de Miño, tal e como solicitou á institución provincial, contratará a 1 vixiante de seguridade, 1 socorrista, 1 persoa para limpeza a xornada completa durante 10 meses; 2 persoas para información turística en xornada de 35 horas semanais durante 10 meses; 2 persoas peón de construción en xornada de 35 horas á semana durante 7 meses; 2 persoas para a recollida do lixo, 2 varredores ou varredoras, 1 condutora ou condutor, 1 oficial de albanelaría, 1 animador ou animadora sociocultural e 1 fontaneiro ou fontaneira en xornada de 35 horas á semana durante 6 meses; 2 persoas para limpeza, 2 monitoras ou monitores deportivos e unha cobradora ou cobrador en xornada de 30 horas á semana durante 2 meses.

Salvaterra de Miño conta este ano, a través do Plan Concellos, cun total de 756.382,79 euros, o que supón un 3,32 % máis que no exercicio anterior. Para a liña 1 –de Investimentos– dispón dun total de 522.277,60 euros, para a liña 2 –amortización, pago de débedas e gastos correntes– conta con 67.890,51 euros e para a liña 3 son os case 166.000 euros aprobados.

No total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos 59 municipios, co Plan Concellos 2019, case 43,5 millóns de euros, o que supón un 3,3 % máis que en 2018. No que respecta á liña 1, a institución provincial pon a disposición dos concellos 30 millóns de euros; no caso da liña 2 –de amortización, pago de débedas e gastos correntes– son 3,9 millóns; e por último, para a liña 3 –para contratación de persoal– irán 9,5 millóns de euros.