Noticias

Salceda de Caselas recibe máis de 100.000 euros no marco do "Plan Concellos 2017"

A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou hoxe axudas valoradas en preto de 460.000 euros para os concellos de Salceda e Vilagarcía


11 Agosto 2017
Plan concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de axudas por valor de preto de 460.000 € para que dous concellos da provincia poidan acometer novos investimentos nos seus termos municipais. En concreto, benefícianse destas achegas da liña 1 (investimentos) do "Plan Concellos 2017" as vilas de Salceda de Caselas e Vilagarcía de Arousa. Grazas a estes investimentos, estas dúas vilas poderán levar a cabo melloras nos seus espazos, infraestruturas e instalacións públicas.

No que corresponde ao concello de Salceda de Caselas, a vila da comarca do Baixo Miño  recibirá un investimento de 105.252,18 euros para financiar as obras de mellora do paseo fluvial e o parque etnográfico do río Landres. Ata o momento, Salceda de Caselas ten aprobado xa o 61,55% do orzamento que a Deputación de Pontevedra lle destina no marco do "Plan Concellos 2017", isto é, unha achega valorada en 393.865,37 € dos máis de 600.000 euros que lle corresponden neste exercicio.

A Presidenta Carmela Silva subliñou que "coas axudas que aprobamos hoxe, que ascenden a 459.000 €, levamos xa distribuídos máis de 20,8 millóns de euros, é dicir, o 80,8% da liña 1 que, como saben, este ano ten un orzamento de 25.750.000 €". A Presidenta da Deputación de Pontevedra destacou a importancia destas achegas porque "permiten aos concellos da nosa provincia facer fronte a investimentos, proxectos e competencias que dificilmente poderían afrontar" e lembrou que "esa é unha obriga para unha institución como a Deputación de Pontevedra, que debe axudar aos pequenos e medianos concellos para que garantan a calidade de vida das súas veciñanzas".

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aproveitou para lembrar que "este ano o Plan Concellos ten unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3% maior que a aprobada o ano pasado e que, entre as súas tres liñas estratéxicas, leva aprobados xa preto de 33 millóns de euros dende xaneiro, o que supón o 79,6% do seu orzamento total".