Noticias

Ribadumia acolle este venres a primeira charla do ciclo Tempo de Saúde froito da colaboración da Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Médicos

Esta primeira conferencia, dirixida especialmente ás persoas maiores, versará sobre trastornos depresivos e ansiedade


05 xullo 2018
Tempo de Saúde

A Casa da Cultura de Ribadumia será escenario este venres da primeira charla do ciclo Tempo de saúde, unha serie de conferencias e coloquios sobre saúde posto en marcha entre a Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Médicos. A partir das 20,30 h., o doutor Alfonso Casas Losada falará sobre trastornos depresivos e ansiedade. O acto está dirixido especialmente ás persoas maiores, a asociacións do municipio e á veciñanza en xeral. A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, vai participar nesta primeira acción do ciclo.

Tempo de saúde é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde dirixidas ás persoas maiores e á xuventude. Vaise desenvolver de maneira piloto en 22 concellos da provincia, pero o obxectivo é estendelo a todos os municipios da provincia, tal e como manifestaron a presidenta da Deputación e do Colexio a principios de xuño cando asinaron o convenio de colaboración para este programa.

Ao igual que en Ribadumia, nos próximos meses vanse desenvolver charlas dirixidas á poboación maior, cinco centradas na hospitalización a domicilio e outras cinco sobre trastornos depresivos e ansiedade. En canto á mocidade, vanse impartir dez charlas sobre enfermidades de transmisión sexual, nutrición e trastornos alimentarios.

Ademais, tamén se realizarán dúas accións, unha dirixida a entidades e asociacións de Vigo sobre enfermidades raras e neurodexenerativas e outra para a zona de Pontevedra sobre trastornos depresivos e ansiedade.