Noticias

"Rexas, mulleres baixo o terror franquista" xa pode visitarse en Moaña

Desde esta tarde e ata o 10 de maio poderá visitarse no vestíbulo da casa consistorial


29 abril 2019
Rexas, mulleres baixo o terror franquista

Esta tarde inaugurouse a mostra ‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista' no vestíbulo da casa consistorial de Moaña coa presenza do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, da concelleira de Igualdade, María Ortega, da comisaria da mostra, Montse Fajardo, e con familiares de Erendina Esperón, unha das mulleres represaliadas que aparece na mostra. Esta exposición, coa que o Departamento de Cultura e Lingua pretende homenaxear as mulleres represaliadas da provincia e que fora posta en marcha en 2017, completa en Moaña o seu itinerario pola comarca do Morrazo, que iniciara en Marín pasando posteriormente por Cangas e Bueu.

Hai que lembrar que "Rexas" recolle exemplos de mulleres pontevedresas afectadas por todas as tipoloxías de represión, desde as vexacións sexistas e as persecucións, ata as torturas e asasinatos. Toda a información relativa á historia das mulleres homenaxeadas está organizada en 12 paneis que inclúen preto dun centenar de fotografías. Entre as mulleres máis destacadas da comarca do Morrazo poden citarse a Capirota de Marín, asasinada polos fascistas, ata o canguesa Josefa Agulla, enviada á URSS sendo unha nena para fuxir dos bombardeos falanxistas sobre Euskadi.

O caso concreto da moañesa Erendina Esperón é un exemplo da persecución sufrida polas mulleres sindicalistas do Morrazo no tempo do terror franquista. Fundadora do Sindicato de Hiladeras y Oficios Varios "La Defensa" foi detida, xunto co seu home, Jesús Figueiras, membro do Sindicato de Ameixieros, e posteriormente golpeada, rapada, e estivo varios anos presa polo seu compromiso coa loita obreira. Segundo explicou Montse Fajardo durante a apertura da mostra, Erendina, que saíu da cela tan gravemente enferma que ficou acamada ata a súa morte, representa a moitas outras mulleres do Morrazo perseguidas pola súa implicación sindical en actividades relacionadas co mar.

"Rexas" tamén homenaxea á presidenta do Sindicato de Atadeiras la Reivindicadora de Cangas, Dolores Blanco Montes, que estivo presa ata agosto de 1942 no durísimo penal vasco de Saturrarán, xunto a outras mulleres da contorna como a veciña de Lourizán, Asunción Vilas, a Vidala ou ás irmás Ramona e Adelina Otero Martínez, as Casqueiras, de Cantodarea, zona moi castigada tamén por esa implicación das mulleres conserveiras e da loxa coa loita sindical. Tamén foi condenada a vinte anos de prisión a marinense, Emilia Pérez Pazos, a Machada, enlace da CNT e organizadora de numerosas fuxidas desde o porto da Coruña. Tamén Dolores Santiago Troitiño, alcumada la Pasionaria por ser comunista e presidenta da Sociedade de Chaboleiras e Empacadoras da CNT de Marín foi encarcerada aínda que quedou posteriormente en liberdade pola intercesión dos seus irmáns, falanxistas. Cabe destacar tamén o envío ao cárcere por razóns relixiosas. Un exemplo é Ramona Couso, a Cunicha, que por ser evanxélica foi detida, rapada, obrigada a inxerir aceite de rícino e logo paseada polas rúas de Marín, onde detiveron a outras persoas que profesaban esa relixión como Josefa García Pena.

CASTIGOS SEXISTAS

En moitos casos, as penas de cárcere foron acompañadas de outros castigos como a rapa, tal e como sucedeu con Enedina Esperón ou coa canguesa Benigna Rodal. "Rexas" mesmo recolle unha foto da marinense Elsa Omil pouco despois da rapa, cuxos efectos aínda se poden apreciar na imaxe. O mesmo día que a raparon a ela, raparon tamén ás irmás Elena, Lidia, Esther, Clara e Josefa Area Landín, as Ribeiranas e a Carmen Bautista, a Virila, todas veciñas de Marín. Os fascistas raparon tamén as mulleres da familia Torrente: á nai, Aurora e a todas as fillas: María, Elvira, Josefa, Pura Dolores e Ángela, para logo desterralas.

A mostra recolle outros castigos sexistas como a violación de Asunción Berea Mora, esposa de Joaquín Moreda Feal, militar do Polígono Janer de Marín que tras negarse a bombardear poboación civil, foi levado a Ferrol e fusilado.

En total, "Rexas" recolle 26 historias de mulleres represaliadas do Morrazo, existindo exemplos desta comarca en cada unha das tipoloxías que se reflicten na mostra. Desde a marinense Carmen Pesqueira, a Capirota, cuxa biografía e imaxe aparecen no panel de asasinadas, ata a canguesa Josefa Martínez Agulla, cunha tipoloxía tan infrecuente na Galiza como a de ser enviada á URSS de nena, para fuxir dunha guerra que a sorprendera en Euskadi. Tamén hai en "Rexas" un oco para as mestras da contorna que foron depuradas como Dolores Cea Montenegro, mestra en Seixo (Marín) ou Eladia Milleiro, tamén de Marín.

CHARLA SOBRE A REPRESIÓN CONTRA AS MULLERES

A presenza do Morrazo na mostra foi posíbel grazas á colaboración das asociacións da memoria: 28 de Agosto de Cangas, ARMH de Marín, Ateneo de Moaña e Amigos de Xohán Carballeira de Bueu. Para falar da represión feminina é imprescindíbel que a consulta de arquivos vaia acompañada da recollida de memoria oral, pois as rapas, as vexacións sexuais e outros castigos que afectaron sobre todo a mulleres como a tatuaxe da pel, non deixaron rexistro documental.

Sobre esa historia, distinta á oficial, falarase o venres, 3 de maio, a partir das oito da tarde na charla que no mesmo lugar dará a comisaria da mostra, Montse Fajardo, sobre a represión contra as mulleres tras o golpe de estado do 36. Estará acompañada por Luís Chapela, do Ateneo de Moaña, unha das persoas que máis memoria oral ten recollido no municipio.