Noticias

‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista' chega este sábado a Vilagarcía para lembrar a represión dende a perspectiva das mulleres

A mostra, aberta ata o 14 de decembro, pretende ser unha homenaxe á xente de Vilagarcía que sufriu a barbarie para deixar unha sociedade mellor


27 novembro 2019
Rexas

Tras dous anos e medio de andaina, a mostra da Deputación ‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista' chega por vez primeira ao Salnés, comarca da que son orixinarias 25 das 172 protagonistas da exposición, coa intención de amosar a represión franquista desde a perspectiva das mulleres.

A exposición, impulsada polo departamento de Memoria Histórica encabezado pola nacionalista María Ortega, destaca que Vilagarcía é, despois de Vigo, o municipio da provincia con maior número de asasinadas: Juana Núñez Quintáns, Josefa Barreiro González e Pilar Fernández Seijo, a Montañesa. 

Cada unha delas reflicte as diferentes tipoloxías dos asasinatos franquistas: Juana Núñez, a señora Juanita foi paseada –é dicir, sacada da súa casa, asasinada e abandonada nunha gavia- xunto a cinco homes na madrugada do 23 de agosto de 1936. Segundo a memoria oral, estaba embarazada. Josefa Barreiro foi detida, e fusilada por ter agochado a un sindicalista da CNT, Urbano Tarrío. Deixaba dous fillos pequenos. E Pilar Fernández perdeu a vida nunha batida que os cívicos realizaron en febreiro do 37 en Loenzo. Prendéronlle lume á casa na que se agochaba e tanto ela como os seus tres compañeiros quitáronse a vida para non ser salvaxemente torturados. Tiña 41 anos e estaba afiliada á CNT.

Un dos obxectivos da mostra é ir máis alá da represión máis evidente, e xunto cos paneis dedicados ás  asasinadas, ás presas, ás exiliadas, ou ás mestras depuradas, Rexas repasa a biografía e recolle as imaxes de mulleres que sen sufrir "en primeira persoa" os castigos dos fascistas, viron a súa vida truncada polo golpe.

A carrilexa Manuela Abuín é un claro exemplo.  O seu home, Antonio Meaños, foi sacado da casa polos fascistas o 15 de agosto de 1936 e asasinado.  Foi ela quen atopou o seu corpo, xunto ao doutro mariñeiro, Luís Singul, na estrada que une Carril con Vilagarcía. Manuela toleou e encerrárona no manicomio de Conxo. Atrás quedaban un neno, Tucho, de seis anos e unha nena, Carmen Meaños, a Carrilla, que foi ata a súa morte un referente da loita pola memoria das vítimas do franquismo.  O seu fillo, Carlos Berride Meaños, participará no acto de inauguración da mostra, que terá lugar este sábado, 30 de novembro ás sete da tarde no Auditorio Municipal de Vilagarcía.

"Que a historia non esqueza o que nos fixeron"

Rexas está composta por doce paneis que, ademais de facer un percorrido polo sufrimento das mulleres, fai tamén un recoñecemento ás mulleres solidarias e ás que transmitiron a memoria do que pasou. Exemplos son o de Carmen Meaños ou o das irmás Mariví e Rosina Villaverde. A historia da familia de quen fora alcalde da II República na cidade, Elpidio Villaverde, recóllese no panel de exilio baixo unha fotografía na que Elpidio e a súa muller, Rosina Otero aparecen xunto a outros matrimonios galegos no exilio bonairense. E a irmá de Rosina, a vilagarciá Juana Otero, aparece na que, sen dúbida é unha das máis abraiantes fotos da mostra, a que lle tomaron tras ser rapada polos falanxistas. Ela mesma pediu a un familiar que tiña unha cámara que lle fixese esa foto "para que a historia nunca esqueza o que nos fixeron".

Ese é o obxectivo de Rexas, a través do repaso polo que foi a represión franquista en 78 imaxes que recollen a 88 das 172 mulleres comprendidas nelas. Conscientes de que faltan moitos nomes, intentouse seleccionar os casos máis representativos das distintas tipoloxías de represión, sen deixar fóra ningunha comarca e tendo en conta o parecer das persoas e asociacións de memoria que desde hai anos traballan na recuperación das vítimas, sempre desde unha ampla perspectiva de xénero e clase.

Toda a mostra, desde o título, pretende ser unha homenaxe á xente de Vilagarcía, do Salnés, da provincia enteira que sufriu a barbarie franquista para legar unha sociedade mellor. E especialmente a todas as mulleres que, a pesar da barbarie, seguiron adiante, rexas, termando da sociedade e converténdose en apoio fundamental para as persoas fuxidas, perseguidas, e para as familias marcadas por un réxime que condenou a todas as mulleres, mesmo ás que o defendían, a vivir entre reixas, deixando atrás dereitos que empezaran a albiscar nos albores republicanos.

Poderá verse na sala de exposicións do Auditorio de Vilagarcía ata o 14 de decembro.