Noticias

Revenidas reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa sustentabilidade cun especial apoio ás campañas da Deputación

Ao posto informativo para a prevención de agresións sexuais achegáronse preto dun millar de persoas que esgotaron o material de "Lembra! Eu decido, ti respectas"


16 agosto 2019
conta conmigo

O festival Revenidas de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, revalidou a pasada fin de semana o seu compromiso coa igualdade e coa sustentabilidade cun especial apoio ás campañas que desenvolve a Deputación de Pontevedra para a prevención das agresións sexuais, "Lembra! Eu decido, ti respectas" e "Conta comigo, eu respéctote", que chegaron neste evento dos Festivais Rías Baixas a preto dun millar de persoas, e a iniciativa de loita contra os plásticos "Experiencias SOStibles", que tamén tivo unha grande acollida e repartiu centos de materiais.

O posto informativo da campaña para previr as agresións sexuais e, máis polo miúdo, as violacións en cita e as agresións por submisión química foi un dos puntos máis visitados no recinto, no que se distribuíron, ademais das guías informativas (900 en total), outros materiais coma sombreiros (450) e pulseiras (500). As e os axentes de igualdade que estiveron presentes no festival destacaron no seu balance que moitas das persoas que se achegaron ao posto xa coñecían a campaña e que, aínda así, esta tivo unha grande acollida e un público moi diverso, a maioría familiar, pero que tamén incluíu xente maior e persoas doutras comunidades.

En canto á campaña "Experiencias SOStibles", que este verán pretende concienciar a poboación contra o uso indiscriminado dos plásticos, especialmente os dun só uso, o persoal do posto informativo instalado pola Deputación no festival Revenidas repartiu nunha soa xornada 2.500 folletos informativos, 100 bolsas de tea, 300 imáns e 400 ecocabichas entre as persoas asistentes.

Unha vez rematados os Festivais Rías Baixas, a Deputación seguirá desenvolvendo estas campañas nas distintas festas da provincia, así como en localidades turísticas, como parte da estratexia para achegar esta información aos lugares onde hai máis afluencia de persoas.