Noticias

A Deputación de Pontevedra remata as obras de reparación da cuberta e da fachada do auditorio do Centro Príncipe Felipe

A institución provincial investiu 230.000 para corrixir as deficiencias, humidades e filtracións de auga que presentaba este espazo, construído na década de 1970


15 outubro 2020
Auditorio Príncipe Felipe

A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de reparación da cuberta e fachada do Auditorio do Centro Príncipe Felipe nas que investiu preto de 230.000 euros.  Deste xeito dáse solución a unha problemática histórica deste espazo que, construído na década de 1970, presentaba numerosas humidades e filtracións de auga que mesmo impedían acadar os niveis adecuados de habitabilidade e seguridade.

A obra desenvolvida, iniciada neste mesmo ano, permitiu eliminar as filtracións de auga que entraban pola cuberta e tamén pola fachada do auditorio así como mellorar a eficiencia enerxética e illamento do espazo. En concreto, substituíronse as fiestras; reparáronse xambas, verteaugas e falsos teitos deteriorados; cambiáronse as luminarias interiores; saneáronse e pintáronse as estancias afectadas; instaláronse detectores de incendios; executouse unha nova cuberta plana con renovación da súa impermeabilización; resolveuse a problemática das xuntas entre a cuberta e a fachada e incorporouse illamento térmico.

Entre o ano pasado e este 2020 a Deputación de Pontevedra está a investir en torno a dous millóns de euros en obras de renovación, mantemento e mellora do Centro Príncipe Felipe. Así, amais da reparación da cuberta e fachada do auditorio, rematouse xa o peche perimetral do recinto e estanse a realizar obras de rehabilitación da fachada para mellorar a eficiencia enerxética.

Fotos