Noticias

Rematadas as actuacións en 93 campos de fútbol de 39 concellos da provincia

Estes traballos contémplanse no Plan Estratéxico de Deportes da Deputación, que, en palabras de Carmela Silva, "ten por obxectivo garantir a recuperación dos campos de fútbol da provincia que, en moitos casos, presentaban un estado de conservación deplorable."


16 decembro 2017
Campos de fútbol

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que xa están rematados os traballos de mellora en campos de fútbol impulsados este ano no marco do Plan Estratéxico de Deportes da Deputación para o impulso de actuacións e mantemento nos campos de fútbol da provincia. Tal e como resaltou a presidenta da institución provincial, "concretamente actuamos en 93 campos de 39 concellos da provincia de Pontevedra, 60 de herba sintética e 33 de herba natural."

Estas actuacións están contempladas no Plan Estratéxico de Deportes "que non existía nesta administración" e que foi creado "co obxectivo de garantir a recuperación dos campos de fútbol da provincia que, en moitos casos, presentaban un estado de conservación deplorable pola falla de previsión do seu mantemento."

En relación ás actuacións nos 93 campos de fútbol, Carmela Silva salientou que "cedemos, baixo demanda dos concellos, maquinaria e persoal especializado para tratar os campos de herba sintética e natural que, ata este ano, non tiñan ningún tipo de mantemento."

Carmela Silva tamén explicou que "con este programa, dotado de medios materiais como un tractor e un apeiro subsolador-varredor, realizamos ao longo deste ano labores de limpeza e retirada de elementos non desexados, descompactación e renovación do céspede e/ou da carga para que non perda calidades de amortecemento, cepillado da cuberta artificial para evitar a perda de elasticidade e rozamento, así como dotamos de medios para a reposición de area e caucho. Ademais, no caso dos campos de herba natural, impulsamos o escarificado, picado e cedemos unha sementeira."

Neste 2017 a Deputación de Pontevedra atendeu a todos os concellos que o solicitaron por rigorosa orde de rexistro de entrada da solicitude, "con transparencia, obxectividade, equidade e sen mirar as cores políticas dos alcaldes e alcaldesas de cada concello.". Concretamente, os concellos beneficiados polo plan foron: Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Covelo, Cuntis, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Lalín, Moaña, Mondariz, Moraña, As Neves, Nigrán, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.